Este xoves presentaron as súas candidaturas en Vigo e Ourense

14 mozos e mozas integran a candidatura dos Comités ao Claustro

Satisfeitos polo labor levado a cabo e con múltiples proxectos para os vindeiros dous anos

Tags
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío e R. Feijoo DUVI 13/05/2010

Orgullosos e satisfeitos polo labor levado a cabo nos últimos dous anos e con moitas ideas na cabeza para os dous vindeiros, os Comités presentaron hoxe a súa candidatura polo sector estudantes nas eleccións ao Claustro que terán lugar, ao igual que as eleccións a reitor, o xoves 20 de maio. Son 14 mozos e mozas dos tres campus e teñen ante si “o reto de seguir acadando melloras nas condicións nas que estudamos e un maior número de dereitos”, tal como salientou na presentación da candidatura Iago Varela, o responsable dos Comités en Vigo.
En plena campaña electoral, “aínda que moito menos visible ca das eleccións a reitor”, estes días reparten polo campus o seu programa electoral, se ben admiten que sobre todo se centran en informar de que ademais de eleccións a reitor tamén hai eleccións ao Claustro, onde os estudantes optan a 75 representantes, “nada máis e nada menos ca un 30% do total”, sinala Manuel García, que xunto a Varela formou parte do Claustro nos últimos dous anos. “Fixemos unha tiraxe de cartaces, pero pensamos que o que máis funciona é o boca a boca”, indica un compañeiro, Xabier García, que tamén formou parte nestes dous últimos anos do Claustro.
Con listas case paritarias, como subliñou Varela, a candidatura dos Comités en Vigo inclúe a dúas alumnas da Facultade de Filoloxía e Tradución, Beatriz Fariñas e Beatriz Pérez; un estudante de CC Económicas e Empresariais, Santiago Iglesias; unha de Química, Rocío Barreiro; Xabier García da ETSE Industrial e Manuel García e Iago Varela da ETSE de Telecomunicación. A eles hai que engadir no campus de Pontevedra a Uxía Fernández, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Balance 100% positivo

“O balance que facemos desta última lexislatura é 100 positivo”, admitía Iago Varela, quen lembrou que foron a forza estudantil que presentou un maior número de iniciativas e acadou tamén o maior número de acordos “camiño dunha universidade máis pública, máis galega, máis democrática e de maior calidade”, subliñou.
Entre os principais logros acadados lembran que conseguiron o fraccionamento das taxas de matrícula en catro prazos e a eliminación da cota por matriculación en liña, así como os significativos avances que se acadaron en materia lingüística “condicionado a aprobación da adaptación dos Estatutos á LOU a que quedase recollido nos textos a creación do Servizo de Normalización Lingüística e a oferta de cursos de galego para estudantes de fóra de Galicia”. Pero isto non foi o único e Manuel García recorda tamén que foi “grazas as nosas solicitudes” que as escolas chamadas de “enxeñeiros” pasasen a ser de “enxeñaría”.

Moito por facer

“Pero queda moito por facer”, recalca Varela, “por iso a presenza dos Comités no Claustro é fundamental para seguir acadando avances significativos para o estudantado. Por iso agardo que a participación o xoves sexa importante”.
Para os vindeiros dous anos teñen moitos obxectivos en mente: seguir traballando na defensa dunha maior presenza da lingua galega; loitar porque a Universidade prime os criterios económicos fronte aos académicos en todas as bolsas que ofrece; buscar a igualación dos prezos dos créditos experimentais e dos non experimentais; seguir traballando por acadar prezos públicos nas residencias, por cambiar o Mestrado en Educación Secundaria...

Candidatura en Ourense

A candidatura dos Comités polo campus de Ourense intégrana oito estudantes: Iago Gómez pola Facultade de Ciencias, Abraham Herrero por Historia, Nicole Pérez por Dereito, Diego Lorenzo por Ciencias Empresariais e Turismo e Rafael José Adalid, Olalla Conde, Sherezade Fernández e Iván Lorenzo por Ciencias da Educación.
Centrados en Ourense os membros dos Comités levaron adiante unha serie de contactos cos estudantes que lles permiten sinalar a necesidade dunha maior difusión e uso da lingua galega na institución como unha das principais prioridades a levar adiante. Para iso e segundo explica Iago Gómez, as propostas do colectivo “van encamiñadas á posta en marcha de actividades a prol da lingua galega e a potenciar a Área de Normalización Lingüística no campus”, sinala. Outra demanda que o colectivo considera prioritaria para mellorar as condicións dos estudantes ten que ver coas residencias universitarias “e coa necesidade de crear máis prazas e instaurar uns prezos públicos nas mesmas”, unha necesidade común aos tres campus pero que adquire especial importancia no caso de Ourense porque, segundo sinalan, “ temos o campus no centro da cidade e as residencias moi preto da Universidade, unha enorme vantaxe que se ve ensombrecida polo elevado prezo das taxas”, sinala.