Nun acto presidido pola ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra a graduación de case 200 alumnos

Na mesma xornada tamén se graduaron a 17ª promoción de Enfermaría e a 1ª do Máster DUMA

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/06/2008

Vestidos coas súas mellores galas pero sobre todo, cheos de ilusión e orgullo, preto de 200 alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo convertéronse na tarde do venres oficialmente en egresados. Foi a ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, a encargada de conducir o multitudinario acto de graduación da terceira promoción da diplomatura en Turismo, a vinteava en Ciencias Empresariais e a oitava da licenciatura en Administración e Dirección de Empresas nun auditorio cheo ata a bandeira. Ante a presenza da presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino; o alcalde da cidade de Ourense, Francisco Rodríguez; o presidente do Consello Social, Emilio Atrio; o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e o decano da facultade, José Carlos Yáñez, familiares e amigos dos, ata o de agora, estudantes, asistiron á imposición de bandas e entrega de diplomas aos novos profesionais do turismo e da dirección de empresas.
A ministra e economista ourensá Elena Espinosa asumiu con satisfacción a súa tarefa como madriña das tres promocións “o que supón, máis que algo simbólico, que teño a responsabilidade de prestarvos axuda profesional e humana nos difíciles momentos do comezo” comentou. Asemade, recoñeceu que a formación dos novos egresados “é polivalente e axeitada ao mercado laboral” xa qu,e se ben a universidade en España está a pasar por unha fase de moitos cambios, “tamén o fai a sociedade, que require dos mellores profesionais e dunha economía forte como a nosa para acadar o máis alto grao de desenvolvemento” explicou. De feito, é o coñecemento, nas súas verbas, “o eixo do desenvolvemento social e económico dun país, e queremos que no 2015 España estea entre os 10 países máis avanzados do mundo” adiantou. Por suposto, a ministra tivo tamén palabras para a defensa do medio ambiente, xa que “a conservación do planeta para xeracións futuras é responsabilidade vosa e tendes que levala a cabo con decisión e xustiza”concluíu.
Pola súa banda, a tamén ourensá Dolores Villarino coincidiu con Espinosa ao sinalar a crecente importancia da formación “como piar básico no que se sustenta o desenvolvemento social e económico dun país” polo que fixo un chamamento á mocidade xa que “Galicia necesita de vos como instrumento para converterse nun país de vangarda nesta sociedade do coñecemento”. Ademais, resaltou que “a formación da Universidade de Vigo é a marca de calidade que vos identificará nun mercado cada vez máis competitivo” dixo. Na mesma liña, Juan Francisco Gálvez asegurou aos egresados que “a solidez da vosa formación é indiscutible, aínda que procedades dun campus pequeno. Non teñades complexos á hora de enfrontarvos ao mercado laboral” aconsellou, animándoos a “seguir mellorando grazas á oferta de posgraos que a Universidade vos ofrece esperándovos coas portas abertas” concluíu. José Carlos Yáñez comentou ao respecto que “o coñecemento adquirido nestes anos pronto caducará, polo que cómpre que teñades a curiosidade necesaria para actualizalo”. O decano da facultade amosouse moi orgulloso dos seus alumnos, xa que “o noso desafío como Universidade é aumentar a cantidade e calidade dos egresados para nutrir así á sociedade do capital humano que necesita” finalizou.

Os verdadeiros protagonistas

Pese á solemnidade do acto, foron os novos titulados e os padriños das tres promocións os encargados de pórlle a nota de humor e emoción a unha data “que celebramos de xeito tradicional, por sorte, despois de todos os experimentos dentro do proxecto piloto de grao aos que nos someteron” comentaron irónicos os representantes de Turismo, Rebeca Lago e Íñigo Atapuerca, que se definiron como a xeración “máis Boloña”. "Dende logo nada volverá a ser o mesmo” engadiron Santiago Tuñón e Elvira Silva, representantes da promoción de LADE. Xa en serio, tanto eles como Miguel Pato e Marta Martínez, en nome da diplomatura en Empresariais, agradecéronlle aos seus profesores “o converternos nas persoas que seremos no futuro”.
Foron os padriños, Julio Castro, director do Hostal dos Reis Católicos de Santiago e a profesora Carmen Gil, de Turismo, Manuel Rodríguez, presidente do Polígono de San Cibrao e José Pita, de Empresariais, e Montserrat Lorenzo, de LADE, os encargados de homenaxear aos pais “como apoio económico e moral, nunha data na que se cumpren os soños de tantas familias despois de anos de esforzo” coincidiron. Porque, como engadiu o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, “sodes vos, os mozos, a materia da que se forxan os soños. Moita sorte no camiño que comezades, máis duro pero máis satisfactorio tamén” concluíu referíndose á súa nova etapa no mercado laboral.

Enfermaría e o máster DUMA tamén celebraron a súa graduación

A da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo non foi a única graduación do venres, xa que os alumnos da Escola Universitaria de Enfermaría tamén tiveron a súa imposición de bandas e entrega de diplomas nun acto celebrado no Edificio Politécnico no que estiveron acompañados polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, a directora da escola, Rosario Alonso, o xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, José Luis Jiménez e a delegada da Universidade na escola, María Lameiras. Os case 70 novos titulados comezarán a partir de agora a súa andaina no mundo laboral nunha profesión ao servizo dos cidadáns, dando por pechada, así, a décimo sétima promoción da carreira.
Ademais, tamén tivo lugar a clausura do curso académico 2007/2008 para os 39 alumnos da primeira edición do Máster en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente co seu acto de graduación. Celebrado na Facultade de Dereito, o evento contou coa presenza do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, así como da súa decana, Inés Iglesias. Roberto Bustillo, coordinador do máster amosouse moi satisfeito “xa que ao ser o primeiro ano, cada día tiñamos novos retos. O obxectivo agora é mellorar de cara ao ano que vén coas aportacións dos estudantes” explicou. Uns estudantes aos que quixo recoñecer o seu importante esforzo, “porque non se acaban de licenciar, a maioría traballan e dedican o seu tempo libre a seguir formándose, algo que hai que valorar moitísimo” concluíu.