O Gabinete Psicopedagóxico pon en marcha o programa "RelaXoves: xoves de relax"

Actividades de relaxación nas termas para combater a ansiedade ante os exames finais

En colaboración coa Concellería de de Igualdade, Xuventude e Voluntariado e Termalismo

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/05/2008

A piques de comezar os temidos exames, son moitos os estudantes que sofren síntomas de estrés e ansiedade que, ademais de repercutir nos resultados académicos, poden producir problemas persoais. Para axudar a superar con éxito este período, o Gabinete Psicopedagóxico do campus, en colaboración coa Concellería de de Igualdade, Xuventude e Voluntariado e Termalismo de Ourense, pon en marcha o programa RelaXoves: xoves de relax, do que as técnicas de relaxación e autocontrol serán o eixo central. Ademais, e como novidade, as actividades previstas levaranse a cabo no marco das termas de Outariz, a partir do 15 de maio e durante catro semanas consecutivas.
Este obradoiro de control da ansiedade, xa existía no gabinete de Vigo, “pero a nivel teórico. A nosa idea é aproveitar os recursos que temos na cidade para facelo máis efectivo, realizando os exercicios de relaxación tanto no céspede, fóra da auga, como dentro das termas” explicou Angélica Ferro, técnica do Gabinete Psicopedagóxico e directora deste programa, pioneiro no ámbito universitario. O obxectivo non é outro que “facilitarlles aos alumnos o paso pola etapa dos exames finais. Para moitos que rematan a carreira, é ademais un momento de crise existencial no que non saben que lles deparará o futuro” engadiu. Grazas a aprendizaxe dunha serie de técnicas básicas de relaxación e de control das situacións de ansiedade a través do autocoñecemento, os estudantes poderán afrontar mellor a recta final do curso, pero tamén “ter recursos para superar calquera estado de crise ao longo das súas vidas” dixo Angélica Ferro. O programa completarase co seguimento individual dos casos que o requiran de xeito indefinido, gratuíto e confidencial.

A colaboración do Concello

O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, resaltou a incesante actividade do gabinete dende a súa posta en marcha, hai uns meses. “A súa primeira actividade foron as Xornadas de Educación Viaria Dous de fronte e, agardamos que esta segunda teña polo menos a mesma acollida” dixo. Engadiu tamén, que a realización do programa de mellora do estrés e control da ansiedade non sería posible “sen a colaboración da Concellería de Igualdade, Xuventude e Voluntariado e de Termalismo”. Precisamente a súa concelleira, Marta Arribas, comentou que “dende que Angélica Ferro nos propuxo o proxecto tivemos claro que era necesario apoialo, porque xa que temos unha zona cun potencial termal moi grande, temos que utilizalo do mellor xeito posible”. E que mellor maneira que “para realizar unha actividade nova, unindo a profesionalidade da psicopedagoga cun espazo xa dispoñible” concluíu.

Datos para os interesados

O prazo para inscribirse, de xeito gratuíto, xa está aberto. Os interesados poderán facelo chamando ao teléfono do Gabinete Psicopedagóxico, 988368913, ou ben, vía email enviando os seus datos persoais á dirección psicogabinete@uvigo.es. As prazas cubriranse por orde de inscrición e, en principio, só poderán participar os alumnos, aínda que non se descarta, nun futuro, realizar outro tipo de actividades dirixidas aos demais membros da comunidade universitaria.
Os inscritos, un máximo de 20 cada xoves, sairán ás 18.00 horas do Parque de San Lázaro no tren das termas, sen que o desprazamento supoña ningún custo económico. A volta está prevista para as 20.00 horas, aproximadamente.
Ademais, e grazas á colaboración da Concellería de de Igualdade, Xuventude e Voluntariado e Termalismo, todos os participantes recibirán como agasallo unha toalla para utilizar na propia actividade.