Coincidindo co Día Internacional da Enfermaría
A seguridade do paciente e a humanización do coidado centran as III Xornadas de Enfermaría de Ourense
Organizadas polo SERGAS, a Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo
Coa finalidade de loitar contra a falta de humanización, unha das principais eivas que se lle achacan á sanidade, e formar na mellora da seguridade do paciente estanse a celebrar as III Xornadas de Enfermaría de Ourense nas que participan centos de profesionais do sector. Organizadas polo Complexo Hospitalario e a Xerencia de Atención Primaria de Ourense, en colaboración coa Universidade de Vigo e a Consellería de Sanidade, desenvolveranse ata este martes 13 de maio.
Manuel Eladio Atrio, director de Enfermaría do CHOU, expresou o seu agradecemento “á institución educativa que nos abriu as súas portas permitindo unha aproximación a un dos eixes principais do saber científico”. A elección do tema vén dada pola crecente preocupación polo alto número de pacientes que sofren as consecuencias dos erros dun sistema médico cada vez máis sofisticado e tecnolóxico. “Os profesionais temos moito que dicir e facer nisto, ofertando a máxima seguridade aos nosos pacientes sen perder de vista o carácter humano que é a razón de ser da labor enfermeira” engadiu Atrio. Ademais, nas súas propias verbas “dende o Sergas traballamos na necesidade de elaborar estratexias que incorporen elementos de mellora da práctica asistencial, na formación dos profesionais implicados, no desenvolvemento da investigación e na humanización dos coidados”, tarefa que definiu como “ arte de coidar para gañar en seguridade para o paciente”.
Pola súa banda, David Casado, representante da Universidade na Escola Universitaria de Enfermaría, salientou o pracer que supón “acoller a xente de fóra do eido académico, especialmente cando proceden dun sector que se caracteriza por poñerlle a cara humana á medicina e ter unha enorme ansia de traballo e de se cualificar”. Na mesma liña a concelleira de Sanidade reivindicou que se poña en valor a dedicación e formación dunha profesión “pouco recoñecida ás veces, pero que supón a figura clave do sistema sanitario, tal e como o entendemos dende o concello de Ourense, por estar sempre ao lado do paciente” explicou.
Pola súa banda, David Simón, director provincial do Sergas falou da necesidade de potenciar a atención primaria “coma eixo prioritario do sistema sanitario galego onde se abre un prometedor futuro para a enfermaría” e expresou a súa satisfacción ante iniciativas como a celebración das xornadas “pois a formación é, sen dúbida, un dos piares básicos nos que se sustenta un servizo de calidade”.