Iván Area e Isabel Pérez asinaron o convenio de colaboración

O Concello de Ourense participará na campaña informativa sobre as vantaxes do ensino plurilingüe con actividades lúdicas e académicas

Iniciarase co comezo do vindeiro curso

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 07/05/2008

Baixo o lema Europa é plurilingüe, quen sabe galego, sabe máis, a Universidade de Vigo, en colaboración coas concellerías de Educación e Normalización Lingüística dos tres concellos nos que ten os seus campus, pon en marcha unha campaña informativa sobre as vantaxes do ensino plurilingüe. Co convenio entre o Concello de Ourense e a Universidade que hoxe asinaron Isabel Pérez e Iván Area, ambas entidades comprométense a realizar na cidade unha serie de actividades de divulgación e lúdicas a prol do bilingüismo.
A idea da campaña, que inclúe materiais didácticos e charlas explicativas en centros de ensino e asociacións, xurdiu trala entrada en vigor do Decreto 124/2007 no que se promove que o galego sexa a lingua vehicular da metade das materias. “O anterior decreto foi un fracaso porque non conseguiu alumnos bilingües, polo que agora, a Universidade, que se nutre e serve á sociedade, ten que dar a coñecer a nova normativa”, explicou Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
Aínda que a idea naceu na Universidade, “foi moi ben acollida polos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense, onde temos campus e, especialmente, por este último, que participou activamente na redacción dos materias didácticos” engadiu Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais. “Nós, trasladámoslles o noso saber en forma de capital humano para o desenvolvemento da campaña, pero son eles os que a organizan” explicou.
A nivel universitario, tamén está aberto o debate pero, dende a Universidade de Vigo, “sempre se mantivo a aposta polo plurilingüísmo a todos os niveis, fomentando o ensino en galego e español, pero tamén en inglés, a lingua franca no mundo” puntualizou Area.

Desenvolvemento da campaña en Ourense

Ao igual que no resto dos concellos que participan na campaña, dende o de Ourense “queremos dar a coñecer o uso das linguas no sistema educativo, pois cantas máis linguas sexamos quen de falar, máis cultura, máis civilización e máis liberdade teremos” explicou a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Isabel Pérez.
Para realizar unha achega axeitada do alumnado ao bilingüismo, está prevista a impresión e distribución de materiais didácticos por colexios e asociacións,así como a realización de charlas explicativas a cargo de profesionais da Universidade de Vigo dirixidas aos equipos directivos e de normalización lingüística dos centros educativos.
Ademais, “para desligar o galego do plano académico, pois non só é unha materia escolar” puntualizou a concelleira, "realizaranse actividades lúdicas". Por unha banda, representarase a obra Bicos con lingua, de Talía Teatro para o alumnado de secundaria, que se eleva na cidade a uns 7900 rapaces, e por outra, Canta connosco de Miguallas Teatro, dirixida aos case 7890 nenos de educación primaria e infantil de Ourense.
A maiores tamén se teñen contempladas outras actividades como regueifas ou contacontos para os máis pequenos, “xa que hai un déficit moi grande na programación de Educación Infantil para á defensa da lingua” engadiu Isabel Pérez.
A campaña comezará a principios do curso que vén, “xa que en maio e xuño, a piques de rematar o curso é imposible introducir elementos novos, non hai tempo de nada” comentou a concelleira.
Polo de agora, xa poden descargarse os materiais na páxina web.

Unha acollida excelente

Transcorrida pouco máis dunha semana da presentación da campaña, a resposta está a ser excelente xa que se adheriron a ela unha ducia de novos concellos e entidades, e ademais recibiu o apoio dos sectores educativo e científico, tanto de Galicia como de fóra da comunidade. De feito, centos de experiencias educativas en Europa avalan as vantaxes do ensino plurilingüe dende as ópticas sociais e lingüísticas xa que facilita a aprendizaxe doutras linguas e“se se dá nun contexto libre de prexuízos, repercute moi positivamente na persoa e é o punto de partida para conseguir unha sociedade democrática e libre, como é o caso de Islandia e Finlandia, por exemplo” comentou Costas.