O profesor é catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña

Miguel Valero compartiu a súa experiencia nas materias xa adaptadas ao EEES

Na conferencia que impartiu na Escola Superior de Enxeñaría Inormática

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 28/04/2008
Os criterios que deben guiar o proceso de adaptación dunha materia ao establecido en Boloña, centraron a conferencia Adaptación da docencia ao EEES: noticias dende a fronte que o catedrático da Universidade Politécnica de Cataluña, Miguel Valero, ofreceu no Edificio Politécnico. Esta é a terceira charla deste tipo enmarcada no ciclo Innovación docente nas titulacións de informática de cara ao EEES que organiza a Escola Superior de Enxeñaría Informática.
“A idea fundamental que temos que ter en conta”, explicou Valero, “é atender ao traballo que debe realizar o alumno, tanto dentro como fóra da clase, para acadar os obxectivos de aprendizaxe establecidos”. Para isto, “poden ser moi útiles metodoloxías específicas como a aprendizaxe cooperativa ou a baseada en proxectos”, engadiu, “porque xa non podemos realizar unha programación baseada no ensino, senón que debemos centrarnos na aprendizaxe”.
No modelo antigo, “o profesor planificaba ao detalle o traballo de clase, pero pasaba por alto o que se facía na casa. Se non se podían cumprir as clases maxistrais por algún motivo, a planificación resentíase, non así se non se realizaba o traballo fóra da aula”. O resultado disto “era un programa polo que os alumnos pasaban sen aprender, no que o aprobado era simplemente o recoñecemento de habelo superado, sen ter ningunha implicación máis”. Para solucionalo, Valero propuxo “definir os obxectivos concretos de aprendizaxe e sobre eles planificar minuciosamente tanto o traballo dentro da aula como o de fóra, establecer as entregas do curso e preparar mecanismos de retroalimentación”. Tamén hai que ter en conta “que pode haber alumnos que vaian por detrás ou por diante do programa, para os que hai que preparar accións específicas coas súas correspondentes motivacións” engadiu. Por suposto, “cómpre ter un sistema de cualificación acorde co programa e ademais, ir analizando continuamente o curso e introducindo as melloras que sexan necesarias”

Un exemplo práctico

Para ilustrar as súas teorías, Valero explicou o caso real de dúas materias que imparte na súa universidade, correspondentes ao primeiro curso de Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións: Introdución aos computadores e Laboratorio de Programación. “Ambas teñen seis dos antigos créditos repartidos en dúas clases semanais, unha teórica e unha práctica, de dúas horas cada unha e, ademais, os alumnos realizan exercicios na casa” explicou. Co novo sistema de créditos ECTS “teñen que traballar oito horas semanais, dúas en clase, en grupos de 40 persoas con dous profesores, nas que se resolven dúbidas e se solucionan exercicios diante dos alumnos e seis na casa, consistentes en estudo individual, reunións en grupo e prácticas co ordenador”, dixo.
O método de cualificación repártese “nun 20% ás notas dos traballos entregados, dos que teñen que entregar como mínimo o 80%. Outro 40% corresponde ao proxecto que se lles encomenda por grupos, do cal un 10% corresponde á nota do profesor, un 20% á posta polos demais grupos, e un 10% á aplicación individual que, á súa vez, pode ser dun 0 se se realiza mal, dun 5 se o alumno a fai ben, e un 10 se todos os alumnos do grupo a fan correctamente”, explicou, “o que fomenta a axuda entre eles”. Ademais, “un 30% corresponde a unha proba de coñecementos mínimos, e o 10% restante, se puntúa de xeito subxectivo: actitude, participación, e outras variantes” dixo.

Os resultados

Despois da experiencia, a visión dos alumnos é segundo Valero, “positiva, gústalles traballar en grupo, e non teñen problemas. Pero quéixanse do volume de traballo e rexeitan a autoaprendizaxe, seguramente polo costume paternalista co que veñen. Ademais prodúcense ondas de actividade ou de non actividade, o nivel de contaxio é moi alto” explicou. En canto aos docentes, “quéixanse da inestabilidade emocional ao longo do curso, no que a miúdo teñen que exercer de psicólogos, do tempo de dedicación e da dificultade á hora de avaliar, porque os proxectos soen ser moi bos, pero o nivel de coñecementos non tanto” dixo. De todos os xeitos, “os profesores tamén traballamos mellor cando o facemos en grupo, e co EEES se abre ante nós un apaixonante mundo de cuestións para investigar” concluíu.