A Facultade de Dereito xa organizara en decembro outra visita ás institucións europeas

Un grupo de 30 alumnos de Dereito visita o Parlamento Europeo en Bruxelas

Ao longo deste mes, os estudantes tamén coñecerán as institucións autonómicas e estatais

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 02/04/2008

Co obxectivo de que ningún alumno saia da Facultade de Dereito sen ter a oportunidade de coñecer os organismos de decisión máis importantes de Europa, un segundo grupo de estudantes de quinto curso realizará, ao longo desta semana, unha viaxe a Bruxelas. Alí, coma na ocasión anterior, o decembro pasado, coñecerán o Parlamento e, como novidade, tamén complementarán a actividade cunha visita turística por París.
Os 30 alumnos partirán este mércores acompañados por Iago Fariñas, vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais, quen explicou que “esta viaxe é unha iniciativa máis que se enmarca na programación de dinamización e formación extraacadémica e cultural da facultade. Durante o resto do cuadrimestre, ao igual que no resto do curso ofreceremos aos nosos alumnos máis actividades que complementarán a oferta académica do centro”.

Próximas viaxes

En canto ás próximas viaxes, están programadas para este mes de abril, a visita ao Parlamento de Galicia en Santiago, o día 11, e a visita ao Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, entre outras institucións xudiciais e lexislativas de Madrid, para o día 18. Ambas serán totalmente gratuítas.
Aqueles alumnos da Facultade de Dereito interesados en inscribirse deberán enviar un email á dirección: dereito-ourense@uvigo.es especificando no asunto a viaxe ou viaxes na que se desexa participar. Ademais, o no correo deberá especificarse o nome completo e curso do alumno, así como o dni, o teléfono e o email.

Máis información