Recoñecidos profesionais do eido da moda participarán no ciclo

“Os xoves de Moda” amosarán a realidade do sector téxtil aos alumnos de Esdemga

A firma "Masscob" abrirá a programación o vindeiro 27 de marzo

Tags
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 26/03/2008

"Unha fiestra aberta que lle permita aos estudantes de Esdemga achegarse á realidade do sector téxtil”, así definiu Lola Dopico, a directora da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, o ciclo Os Xoves de Moda que comezarán esta mesma semana na Casa das Campás. Trátase dun programa de formación complementaria que pon en marcha a vicerreitoría do campus de Pontevedra co obxectivo de que os alumnos poidan compartir experiencias e establecer contactos con diferentes profesionais do ámbito do deseño, expertos en comunicación, produción, estilismo, etc. Ata o vindeiro 29 de maio, un conxunto de seminarios, conferencias e encontros darán contido, cada xoves ás sete da tarde, a este ciclo coa intención de “ser un proxecto con continuidade e de introducir unha dinámica de transversalidade no ámbito dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza”, explicou Lola Dopico na presentación da actividade ante os medios.
Aínda que o programa está dirixido concretamente aos estudantes de Esdemga, ábrese a toda a comunidade universitaria e a todos aqueles interesados dalgún xeito no eido da moda e das novas tendencias.

Os protagonistas

Os Xoves de Moda comezarán a súa terceira edición reunindo aos máis prestixiosos profesionais do país que están relacionados co sector téxtil. Sen ser necesariamente deseñadores ou estilistas, este foro pretende xuntar a todos aqueles ámbitos de traballo que están en constante contacto con este mundo, como pode ser o sector museístico, musical, artístico ou o da comunicación, entre outros. A inauguración das xornadas virá da man de Masscob, a marca creada por Marga Massanet e Jacobo Cobián, ambos licenciados en dereito e unidos grazas a o seu interese pola moda. O vindeiro 3 de abril será a quenda do ilustrador Arturo Elena, que impartirá unha conferencia para compartir as súas experiencias con firmas tan recoñecidas como Chanel, Loewe ou Victorio e Luchino.
Para amosar a amplitude de traballo que hai no eido global do deseño, contarase coa presenza de Carmen Pérez de Andrés, a subdirectora do Museo do Traxe de Madrid, unha institución de recente creación pero de longa historia que ofrece unha completa visión da historia do traxe en España, desde tempos remotos ata as portas do século XXI. Outro exemplo da gran ligazón que existe entre a moda e outras disciplinas é o caso de Román Padín, crítico de arte que na súa ponencia explicará as súas andainas desde que estudou dereito ata as súas colaboracións con importantes medios impresos.
O mundo dos complementos é un territorio en auxe e outro dos eixes principais das xornadas, polo que se lle reserva a conferencia que pechará o ciclo, unha presentación a cargo da creadora de Malababa, Ana Carrasco. A firma que ela representa destaca polos seus deseños artesanais e polo prestixio que está acadando fóra do noso país.
Ademais, ao longo de todo o ciclo Os Xoves de Moda, contarase coa presenza da firma galega Rei Zentolo, do director da axencia de modelos New Models, Heriberto Otero, o deseñador Carlos Díez e a artista Montse Rego.

Máis información en http://esdemga.uvigo.es/osxovesdemoda/