Con 1500 participantes é un dos encontros máis importantes do estado

O Gruvi expón o seu traballo na reciclaxe de ordenadores no XuventudeGaliza.net

Representantes da Universidade falarán tamén de robótica e mundos virtuais

Tags
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/03/2008

O Gruvi, Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade, ábrese un oco esta fin de semana en Santiago no XuventudeGaliza.net, un dos encontros informáticos con máis sona e tradición en España. Entre o amplo programa de actividades que se estreou este venres haberá unha sesión na que se abranguerá o traballo dos voluntarios universitarios na recuperación de ordenadores obsoletos para doar a entidades sen ánimo de lucro.
Miguel Anxo Bouzada, coordinador de software no GRUVI e membro activo de GALPon é o encargado de impartir a charla o domingo baixo o título Reciclaxe informática, recuperando computadores antigos. Técnico especialista en migración a software libre en PEMES, Bouzada explicará aos asistentes a experiencia de GALPon e do GRUVI dende o ano 2005 na reciclaxe de equipos vellos da propia Universidade de Vigo, para ser doados posteriormente a ONGs e similares xa provistos de software libre. No seu relatorio contará con varios equipos portátiles antigos, de entre os anos 1997 e 1999, cada un deles cos seus problemas específicos de configuración do sistema operativo. A xeito de obradoiro práctico, Miguel Anxo Bouzada, presentará o xeito no que se recuperaron estes ordenadores, as dificultades que presentaron e como se resolveron para ser, finalmente, recuperados para o seu uso habitual. Ao tempo, tamén abordará temas como os criterios éticos e sociais da reciclaxe, a metodoloxía de traballo e cuestións concretas sobre a selección de dispositivos, módulos e controladores, núcleos e sistemas operativos ou escritorios lixeiros.

O traballo do Gruvi

O Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade, GRUVI, traballa na recuperación de ordenadores antigos para provelos de tecnoloxía innovadora como é o software libre. Son preto de 20 voluntarios que posteriormente poñen estes equipos á disposición de organizacións sen ánimo de lucro, dándolle ao material en desuso unha nova oportunidade en mans dos máis necesitados.
Este programa, posto en marcha no curso 2005-2006 dende a Oficina de Voluntariado e Integración, foi crecendo con forza tanto na cantidade de material recollido como no número de solicitudes por parte das asociacións. O obxectivo é dotar a este material desbotado de programas de software libre, que inclúen un sistema operativo, conexión a internet e aplicacións ofimáticas. Ao longo do ano, o GRUVI recolle o material vello dos centros e das oficinas da Universidade e, despois de pasar por unha selección previa, parte dos equipos son recuperados e actualizados. Este é un bo xeito de ir rompendo coa fenda dixital que impide o acceso dos colectivos desfavorecidos ás novas tecnoloxías.

Robótica e mundos virtuais, tamén da man de membros da Universidade

Pero a presenza da Universidade neste evento ten tamén outro protagonista, RATO. O Robot Automatizado para o Transporte en Oficina será unha das estrelas no eido da robótica e faré de guía aos visitantes. Este prototipo foi deseñado polo grupo de Robótica e Sistemas Intelixentes e é capaz mediante sensores de moverse con liberdade e facer pequenas tarefas de reparto. Precisamente sobre as aplicacións da robótica móbil ofrecerá un relatorio Joaquín López Fernández, doutor enxeñeiro en Telecomunicacións da Universidade. López Fernández flexionará sobre as aplicacións nas que os robots móbiles comezan a empregarse e a súa evolución a medida que se vaian desenvolvendo as distintas tecnoloxías implicadas na súa construción.
Outros dos membros da comunidade universitaria que están esta fin de semana no XuventudeGaliza.net é Francisco Javier de la Peña, alumno da institución que ofrece unha ponencia sobre os mundos virtuais, o protagonismo que están a cobrar e os seus comezos, dende os MUD ata os MMORPGs.

Tres días de actividades continuadas

O XuventudeGaliza.net é un encontro organizado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade que se estende ao longo de 52 horas de actividades continuadas no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.
Dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, estas xornadas reúnen a preto de 1500 persoas arredor da informática e da sociedade da información. As novas tecnoloxías e, concretamente o ordenador como ferramenta creativa, son as protagonistas de sesións informativas, concursos, obradoiros ou conferencias que teñen unha dobre finalidade. Por unha banda preténdese que os mozos afonden e amplíen os seus coñecementos no ámbito informático, pero este encontro serve tamén para promover relacións e intercambiar experiencias entre participantes de diferentes lugares e idades pero con inquedanzas comúns.
Con esta, son xa oito edicións do XuventudeGaliza.net, que se confirma como un dos encontros máis importantes en España, algo que se demostra co aumento ano tras ano no número de participantes.