Está sendo impartido no Edificio Xurídico Empresarial e conta con 90 inscritos
Gran éxito de participación no curso sobre o Novo Plan Xeral de Contabilidade
O Novo Plan Xeral de Contabilidade, en vigor dende comezos de ano, é o tema central do curso no que estes días 90 participantes poñen ao día os seus coñecementos fiscais e contables para adaptalos á normativa actual. Patricio Sánchez, profesor e un dos directores do curso que se está a desenvolver na Facultade de Empresariais e Turismo, explicou que “o novo plan, supón un cambio moi importante respecto ao anterior e por tanto é necesario facer unha revisión das novidades que implica”.
Gran acollida do curso
O coñecemento destas reformas é especialmente interesante para os alumnos a piques de titularse “xa que levan toda a carreira traballando co antigo Plan de Contabilidade e agora van ter que enfrontarse ao novo no mundo laboral” comentou o director. Ademais aínda que en principio “o curso estaba dirixido a alumnos da nosa Facultade, tivo tan boa acollida que tivemos que ampliar o número de prazas previstas de 75 a 90 e temos estudantes de todos os centros e incluso persoas alleas á Universidade”.O curso conta cun total de 20 horas lectivas e está sendo impartido polas tardes en horario de 16.00 a 21.00 horas, o que, segundo Patricio Sánchez, “demostra o interese que esperta, ten un mérito enorme que xente que pasa toda a mañá en clase ou traballando dedique todas as tardes desta semana a un curso”. Por último concluíu que “é evidente que chega nun momento moi oportuno e que foi un gran acerto”.