I Curso complementario de vendaxes neuromusculares

24 profesionais especializaranse esta fin de semana na técnica da kinesiotaping

Terá lugar na Escola Universitaria de Fisioterapia

Tags
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 24/01/2008

24 profesionais do sector da saúde especializaranse durante esta fin de semana na técnica da kinesiotaping, tamén denominada Medical Taping ou vendaxe neuromuscular, que está revolucionando a práctica diaria de moitos fisioterapeutas. Da man do profesor da Universidade de Castilla-La Mancha, José Manuel Fernández Rodríguez, e nas instalacións da Escola Universitaria de Fisioterapia do campus pontevedrés, formaranse nesta disciplina que está tendo unha gran aceptación e destacados resultados na comunidade médica internacional.
O método consiste nunhas exclusivas cintas de tape (esparadrapo) elástico que foron deseñadas imitando as propiedades da pel e cuxa finalidade é o tratamento de lesións musculares, articulares, neurolóxicas e ligamentosas así como a redución da inflamación e do linfedema. Son facilmente recoñecibles xa que na súa maioría úsanse vendaxes de cores rechamantes.

O programa

Este I Curso complementario de vendaxes neuromusculares está dirixido a todos aqueles que, dedicados a disciplinas terapéuticas, queiran ampliar os seus coñecementos neste innovador tratamento. Durante tres intensas xornadas de traballo, os asistentes aprenderán desde os inicios desta técnica ata as aplicacións das vendaxes en cada caso, pasando polas contraindicacións do método, os seus efectos, os materiais necesarios e os mecanismos de acción.