No curso de iniciación á formación para a docencia universitaria

O profesor Daniel Martí defende o uso dos blogs como ferramenta docente

Tags
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/01/2008

A interactividade, o fácil uso, a autoría compartida ou a gratuidade son algunhas das vantaxes que ofrecen os blogs como ferramenta docente. Estas son algunhas das ideas que o profesor do departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación, Daniel Martí, defendeu ante os asistentes ao curso de iniciación á formación para a docencia universitaria que este xoves tivo unha nova sesión no Edificio Miralles.
Segundo Martí as opcións educativas dos blogs son múltiples. “Con esta ferramenta rómpese o espazo, non hai horarios de clase nin titorías e, por suposto, foméntase o debate”, sinalaba. Ademais, mencionouse tamén a posibilidade de crear comunidades de aprendizaxes como outra das bazas desta ferramenta.
No seu relatorio o profesor desaconsellou o abuso das presentacións “tan habituais na docencia de hoxe en día. Temos que transmitir moita información en pouco tempo e isto, en moitos casos, lévanos a facer diapositivas cargadas de texto e, a miúdo, lidas polo poñente, sen facer interrupcións nin chamadas de atención. Na miña opinión a atención xerada é inversamente proporcional ás palabras que contén”.
Neste sentido Martí puxo o acento na necesidade de conseguir modos que permitan que os alumnos se acheguen a contidos que a priori lle poden resultar tremendamente distantes.

Carencia de fórmulas máxicas

Na docencia non hai fórmulas máxicas para lograr o éxito, pero hai determinados aspectos que todo docente debería ter, entre eles, o afán por aprender e unha ansía de innovación constante: como conseguir dicir o mesmo de distintas formas, como conseguir que os demais aprendan facendo... foron algúns dos interrogantes que sinalou e que, segundo el, nunca debería deixar de facerse un docente.
Como exemplo didáctico do que é un blog o profesor empregou como exemplo o seu propio espazo web: http://comunisfera.blogspot.com/