A implantación das novas tecnoloxías, o reto da docencia universitaria para o século XXI

O catedrático Manuel Area participou no ciclo sobre innovación educativa

Tags
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/12/2007

Dende o século XVI ata este principio do XXI, mantense un esquema semellante na docencia universitaria, cun mesmo espazo e método didáctico. Esta situación esta a mudar aceleradamente nos últimos anos de cara á incorporación na formación das tecnoloxías de información e comunicación. Para afondar neste cambios de metodoloxía, Manuel Area, profesor da Universidad de La Laguna ofreceu un relatorio, enmarcado dentro do ciclo de conferencias organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. Para Area, “nesta última década a sociedade está a pasar por unha serie de cambios radicais e os estudantes, que son a nosa materia prima como docentes, tamén están a transformar as súas opcións de ocio, comunicación e cultura”. Neste contexto, a formación superior non pode quedarse atrás e, segundo o catedrático de Didáctica e Organización Escolar, “debe integrar tamén estas novas tecnoloxías nas aulas”.
Acompañado por Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Manuel Area presentou tamén unha publicación sobre este tema que afonda na innovación docente e o uso das TIC. Segundo subliñou “as institucións de educación superior deben adaptarse ás características dun mundo globalizado no que o coñecemento se xera e innova de forma acelerada”. Entre estes cambios Area apostou pola incorporación pedagóxica das novas tecnoloxías o que supón un dos retos máis destacables que ten o ensino universitario e permite renovar substancialmente os procesos formativos e favorece o desenvolvemento de procesos de aprendizaxe construtivistas. Webs, wifi, blogs, aulas virtuais, plataformas de teledocencia... De cara tamén á incorporación ao novo modelo europeo, “as novas tecnoloxías son imprescindibles na formación de xeracións que xa naceron cun ordenador”, subliñou.

Os catro retos da docencia no século XXI

Despois de cinco séculos empregando o modelo da clase maxistral, son os novos tempos os que esixen un cambio de paradigma. O profesor Area sinalou catro grandes retos neste comezo do século XXI para a docencia universitaria. Por unha banda, o acelerado aumento da fragmentación e o relativismo do coñecemento “fainos reflexionar sobre que temos que ensinar e abríganos a renovar constantemente o programa docente”. Outro dos retos aséntase na democratización da universidade que, ademais de aumentar o número de estudantes, demanda tamén un incremento da calidade. A omnipresencia social, económica e cultural das novas tecnoloxías “é o cambio máis importante probablemente na docencia o fai que teñamos que cambiar o xeito de producir, difundir e recibir a información”. Finalmente, Area tamén se referiu o cambio máis inminente para as universidades, como é a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e a implantación dos créditos ECTS.