O persoal laboral de administración e servizos dos campus de Vigo e Pontevedra elixe este mércores aos seus representantes

Despois de que unha sentenza anulase as eleccións celebradas no mes de xuño

Tags
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 10/12/2007

O persoal laboral de administración e servizos dos campus de Vigo e Pontevedra ten este mércores unha cita coas urnas para elixir ao Comité de Empresa que os representará nos vindeiros catro anos. Estas eleccións sindicais celébranse de acordo á sentenza do Xulgado do Social número 3 de Vigo, que invalida as celebradas o pasado mes de xuño por mor da anulación de parte do proceso e obriga a retrotraer as actuacións ao momento da proclamación definitiva do censo.
A campaña electoral, que remata este luns, dará paso á xornada de reflexión do martes para, finalmente celebrarse as votacións o mércores.
En total, o persoal laboral de administración e servizos deberá elixir a 13 representantes, 9 no colexio de técnicos e 4 no de especialistas, que conformará o Comité de Empresa. As votacións desenvolveranse entre as 11.00 horas e as 17.00 horas en tres mesas electorais, dúas en Vigo e unha no campus de Pontevedra. A EU de Enxeñaría Técnica Industrial, na rúa Torrecedeira contará coa mesa para os centros situados na cidade, mentres que no campus, estará situada no Edificio de Servizos Centrais-Xerencia. En Pontevedra, o dereito a voto poderá exercerse na mesa situada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.