O reitor, Alberto Gago, confirma a viabilidade de Bioloxía no EEES

Na inauguración da conferencia de decanos da titulación

Tags
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/11/2007

“Bioloxía é unha titulación con viabilidade cualitativa e cuantitativa, na que, por suposto hai futuro”. Estas foron algunhas das declaracións feitas polo reitor, Alberto Gago, na inauguración este venres na Fundación Caixa Galicia da reunión da conferencia española de decanos de Bioloxía, que reúne en Vigo aos responsables desta titulación en máis de vinte universidades españolas.
O reitor sinalou a importancia deste tipo de encontros que fomentan “debates abertos e francos.”Ademais, referiuse á reunión como a mellor maneira de chegar a un camiño acertado na xestión universitaria.
Xunto a Gago participou tamén o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Ramón Leis, quen destacou o Espazo Europeo da Educación Superior como “a gran oportunidade de mellorar o noso sistema e equiparalo aos mellores do mundo, pero é tamén un reto que trae consigo problemas e posibilidades de cometer erros, de aí a importancia de encontros coma estes que dan a posibilidade de falar, planificar e coordinar”. “É bo ter en conta o que se está debatendo no resto do país e ver que cadra mellor co perfil concreto da nosa universidade”, apuntaba o reitor a este aspecto.
Ramón Leis destacou tamén o papel dos decanos como “os responsables de liderar o proceso. Desde a administración e os equipos reitorais vanse pór marcos pero sodes vós os que ides liderar o proceso nas vosas respectivas facultades”.

Un bo plan de estudos, clave do éxito

O estudo e discusión da aplicación do Real Decreto polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais ao plan de estudos de Bioloxía foi o eixe da xornada. “O principal obxectivo é chegar a acordos sobre os puntos mínimos que debe ter o futuro grado de Bioloxía”, sinalaba Antonio Ríos, presidente da Conferencia Española de Decanos de Bioloxía ao inicio da reunión, algo no que tamén fixo fincapé Pedro Pablo Gallego, decano da facultade viguesa, organizadora do encontro.
Xunto a este Real Decreto, que manexaron ao longo de toda a xornada, os decanos analizaron tamén varios estudos comparativos do grao de Bioloxía, así como información referida á estrutura básica que deberían ter estes plans de estudo.
Neste senso Jaime Gómez, decano da titulación na USC, destacou que o gran reto é tan sinxelo como “facer un bo plan de estudos. Un plan que reflicta a potencia académica e científica de cada centro e que sexa unha boa fórmula para que os futuros estudantes se gradúen nas mellores condicións para ter máis oportunidades de futuro”.