Unha iniciativa pioneira da UVigo ao abeiro da Rede EURES
Achegando universidades e colexios profesionais para impulsar a inserción laboral europea dos estudantes
O 4 de decembro celébrase unha xornada de comunicación
Promover vías de colaboración entre universidades, colexios e asociacións profesionais, é o obxectivo da I Xornada de Comunicación Colexios Profesionais-Universidade que se desenvolverá o próximo 4 de decembro e na que tomarán parte representantes de administracións galegas e portuguesas.
Con esta iniciativa, que constitúe toda unha novidade no sistema universitario, a institución académica viguesa trata de impulsar unha vía de comunicación e achegamento entre universidades parceiras do EUREST (EURES Transfronteirizo) e os colexios e asociacións profesionais, órganos estes que aglutinan aos titulados universitarios, defenden os seus intereses profesionais e interveñen en procesos que inciden no recoñecemento de títulos para o exercicio profesional noutros países. Como afirma Emilia Seoane, profesora e conselleira EURES da Universidade de Vigo “trátase de favorecer un coñecemento mútuo que permita establecer as bases para un traballo conxunto que facilite a inserción laboral europea e transfronteiriza dos universitarios".
Co respaldo da Comisión Europea
A proposta para iniciar esta relación cos colexios e asociacións profesionais, formaba parte do plan anual de actividades da Universidade de Vigo como parceira do EURES Transfronteirizo Galicia- Norte de Portugal. Trasladada á Comisión Europea, a proposta foi aprobada e agora, coa celebración da I Xornada de Comunicación, comeza a materializarse. Seoane considera “moi positivo o respaldo da Comisión Europea a esta iniciativa que é a primeira vez que presentamos e que se suma a outras de maior tradición como é o Forumemprego”.A única conselleira EURES do sistema universitario galego lembra que “cos seus setecentos conselleiros e os seus enlaces establecidos co mundo do traballo en toda a UE, a rede contribúe activamente no exercicio dos dereitos profesionais básicos recoñecidos no Tratado de Roma: a liberdade de residir e traballar no estranxeiro”.
No caso da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o EURES Transfronteirizo aglutina a asociacións empresariais, sindicatos e universidades pertencentes á rexión fronteiriza Galicia-Norte de Portugal, unha área xeográfica que rexistra importantes fluxos de persoas e na que cómpre facer fronte a diferentes prácticas, segundo cada estado e sistemas xurídicos que poden supoñer obstáculos administrativos, xurídicos ou fiscais para a mobilidade.
Contido da xornada
A xornada que contará coa participación de representantes de institucións de Galicia e Portugal, inclúe dous relatorios, o primeiro sobre A responsabilidade social corporativa a cargo do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area e o profesor titular de Economía Financeira, Xavier Martínez Cobas, e un segundo no que intervirán a coordinadora do EURES Transfronteirizo, Teresa González Ventín e a conselleira EURES da Universidade de Vigo, Emilia Seoane. Este relatorio centrarase en A Rede EURES, a rede europea para a mobilidade e para o exercicio profesional en Europa.A xornada finalizará cun xantar institucional ao que seguirá o acto de clausura.