No Edificio Politécnico descubriuse unha placa conmemorativa

Sentida homenaxe a José Nespereira, xeólogo falecido hai 25 anos

Tags
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 19/11/2007

Nin a chuvia que caía incesante impediu que os amigos de José Nespereira acudiran ao Politécnico para o descubrimento da placa conmemorativa restaurada dos 25 anos do seu falecemento, que xa lembraba a súa memoria en terras do Xurés, pero que fora sustraída.
O homenaxeado, profesor de xeoloxía no campus de Ourense, cando aínda pertencía á Universidade Galega, deixou un recordo tan grato entre os que o coñeceron que ata o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez destacou por riba da súa calidade académica, a súa calidade persoal. “Non tiven o honor de coñecelo pero faláronme del con tal emoción que non dubido que foi un gran investigador e docente, pero o que se recorda é ser boa persoa e aínda que podía atopar ouro nun río, a verdadeira riqueza e o voso cariño hoxe aquí” dixo na súa intervención.
Precisamente, foi a súa viúva, a catedrática Victoria Jato, a encargada de compartir cos presentes a semblanza da curta pero intensa vida do seu home e de agradecer, emocionada, a asistencia, e o esforzo das autoridades científicas e administrativas, que fan que o recordo de Nespereira siga vivo.
Victoria Jato mostrouse especialmente agradecida ao decano de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, e ao vicedecano, Pedro Araújo, por non escatimar á hora de planificar a homenaxe e de recuperar unha pequena mostra de minerais e rocas para a comunidade. “Precisamente o que máis entusiasmaba a Nes era ensinar. Era un gran transmisor de coñecementos, ademais gustaba de unir os momentos lúdicos aos ligados á actividade docente”. José Nespereira morreu moi novo e polo tanto “os seus proxectos morreron con el, pero unha das súas maiores ideas era escribir unha mineraloxía de Galicia pero non deixou nada escrito porque ninguén imaxinaba que a súa carreira se truncaría tan pronto” engadiu. Precisamente por iso, a pequena exposición de minerais supón para ela “unha gran alegría” pois serve para espertar a paixón e motivar aos interesados na natureza e principalmente na xeoloxía.

Unha vida dedicada á terra

Foi o decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, o encargado de facer un pequeno resumo da traxectoria profesional do homenaxeado. José Nespereira licenciouse en Xeoloxía pola Complutense de Madrid e acadou o título de doutor na Universidade de Oviedo pero seguiu sempre coa súa actividade investigadora centrada en Galicia e especialmente en Ourense, a onde regresou tras completar a súa formación “converténdose nun dos principais nomes das ciencias naturais co mérito de que os seus estudos centrábannse na irmá pobre por detrás das matemáticas, a física, a química ou a bioloxía” apuntou Mejuto.
Os seus textos publicados no boletín Auriense son hoxe en día referentes no seu campo e serven de exemplo para afirmar “como un investigador con exiguos recursos e nun ámbito periférico pode ser un referente moitos anos despois da súa morte. Na facultade seguimos facendo uso do seu traballo de xeito que a súa escola segue viva”, rematou o decano.