Concurso na Facultade de Bioloxía

Os estudantes terán que pór a punto a súa agudeza co deseño e construción dunha célula

Os traballos terán que presentarse do 12 ao 14 de novembro

Tags
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 08/11/2007
Visualizar dunha forma lúdica e atractiva a célula, este é o obxectivo do primeiro concurso “Deseña e constrúe unha célula” que, organizado desde a Facultade de Bioloxía, achegará aos estudantes da provincia a unidade esencial que forma a todo ser vivo.
O concurso, organizado con motivo da Semana da Ciencia 2007, conta con cinco categorías de participación: infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP, e estudantes universitarios. Nos catro primeiros casos os traballos deberán presentarse en grupo, baixo a coordinación dun profesor, requisito que non é necesario no caso dos estudantes universitarios.
En canto ás características que deben cumprir os traballos a presentar tan só se sinala un tamaño mínimo (20x30 cm.) e un máximo (50x50 cm.). Polo demais, a imaxinación é o única condición, pois mesmo poderá estar realizado en calquera tipo de material: papel, cartón, barro, la, arame, cristal...
Dotado cun premio de 600 euros por cada categoría, os interesados en presentar traballos deberán facelo do día 12 ao 14 de novembro na sala Naturnova do Centro Social Caixanova, onde se exporán a partires do día 16.
Ademais da exposición dos traballos, os profesores e investigadores da área de Bioloxía Celular e da Área de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía, porán a disposición dos visitantes varios microscopios con preparacións celulares e farase unha proxección sobre a gran biodiversidade celular.

Máis concursos na Facultade

Xunto ao concurso “Deseña e constrúe unha célula”, a Facultade de Bioloxía ten aberto o prazo ata o vindeiro día 12 para presentar traballos no IV Concurso de Fotografía Biolóxica, organizado con motivo da celebración do San Alberte, patrón da Facultade.
O obxectivo deste certame, aberto a todos os membros da comunidade universitaria, é premiar instantáneas orixinais relacionadas con calquera aspecto da bioloxía, xa sexa en branco e negro ou en cor e tomadas con calquera técnica fotográfica.
Posteriormente realizarase unha exposición das obras ata o 15 de novembro, cando os tres gañadores e o accésit recollerán os seus premios no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais.