DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición ubicada na entrada do Edificio de Ferro

Alumnado de Educación Social propón os seus decálogos para coidar o medio ambiente

Abranguen desde reducir o consumo ata a compostaxe

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
DUVI Ourense 22/04/2025

Desde este martes e ata finais de maio, na entrada do Edificio de Ferro pode veres a exposición Que fas ti polo medio ambiente? Nela, alumnado de segundo e terceiro curso do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, propón decálogos para coidar o medio ambiente con pequenas accións diarias.

A mostra foi inaugurada este martes coincidindo co Día Internacional da Terra por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e Ángel Manuel Vázquez Dorrío, profesor coordinador da actividade. A iniciativa, indicaron desde a súa organización, xorde para crear conciencia entre o alumnado, a comunidade universitaria e a poboación en xeral “sobre os problemas medio ambientais que afectan ao planeta e que tamén nos afectan a nós”. Tamén quere ofrecer información e ideas sinxelas de utilidade para calquera persoa interesada en reducir o seu impacto ambiental na vida cotiá.

Os materiais foron elaborados polo alumnado dentro da materia de Educación Ambiental para o Desenvolvemento Sostible, impartida por Ángel Manuel Vázquez Dorrío. Cada un dos 55 carteis da mostra recolle de xeito didáctico e visual “diferentes consellos ambientais para o día a día, que calquera persoa a nivel individual pode realizar de xeito sinxelo”. Estes consellos abranguen propostas de acción para reducir o consumo, medidas de aforro de enerxía, mobilidade sostible, compostaxe, etc, como poden ser consumir produtos locais, ducharse en vez de bañarse, usar o transporte compartido ou separar o lixo na casa. A realización destes materiais permitiu a cada estudante sensibilizarse no eido ambiental, sensibilización que agora buscan trasladar tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral a través dos seus carteis.