DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

bolsas protección internacional

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 03/07/2024

A Universidade de Vigo abre o prazo de solicitude da convocatoria de bolsas para o estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional, apátrida ou en situación de protección temporal afectado polo conflito de Ucraína para o curso académico 2024/2025. O obxectivo desta iniciativa é facilitar ás persoas en situación de refuxio ou protección a realización de estudos universitarios, preferentemente oficiais, que permitan a súa integración no noso país. En total destínanse 20.766 euros para estas axudas, que terán un contía máxima de 3000 euros por persoa.

As bolsas cobren os prezos públicos da matrícula, agás o seguro escolar, así como unha contía económica máxima de 2000 € para todo o curso académico en concepto de axuda para gastos derivados da actividade académica. Tamén se inclúe un curso de galego impartido pola Área de Normalización Lingüística ou de castelán no Centro de Linguas da Universidade de Vigo a realizar durante o curso académico 2024/2025. A contía máxima da bolsa percibirase pola matrícula de curso académico completo (60 ECTS e o curso académico completo no doutoramento), diminuíndo proporcionalmente en función dos créditos nos que se realice a matrícula. 

O período de solicitude destas axudas pechará o 31 de xullo.

Requisitos das persoas solicitantes

Para poder solicitar unha destas bolsas é requisito indispensable ter a condición de apátrida, beneficiario ou beneficiaria de protección internacional ou ter autorización de estadía por atoparse no período transitorio de adquisición da condición, na data de fin de presentación de solicitudes. Tamén poden concorrer a esta convocatoria as persoas en situación de protección temporal afectadas pola guerra de Ucraína. 

Ademais, deberán manifestar o interese de realizar a preinscrición ou estar preinscritas en estudos de grao, de mestrado universitario ou doutoramento no curso 2024/2025 en centros propios da Universidade de Vigo ou en centros adscritos de titularidade pública ou ben nunha titulación propia de especialista da Universidade de Vigo. Tamén é requisito non posuír título en España en estudos do mesmo nivel para os que se solicita a bolsa.

No caso do alumnado que continúe estudos e xa foi beneficiario desta mesma bolsa con anterioridade, deberá ter superado no curso anterior ou no último realizado na universidade: o 60% dos créditos matriculados nas titulacións de grao da rama de Enxeñaría e Ciencias; o 70% dos créditos matriculados no resto das titulacións de grao; o 80% dos créditos matriculados nas titulacións oficiais de máster que habilita para o exercicio profesional e o 90% dos créditos matriculados no resto das titulacións oficiais de mestrado.

Coa solicitude deberán adxuntar un informe sobre a situación socioeconómica da persoa solicitante, emitido pola ONG que xestiona ou xestionou o expediente de protección internacional ou a entrada ao sistema de Acollida e Integración. No caso de non ter unha ONG de referencia pódese achegar un informe socioeconómico da Unidade de Traballo Social do municipio de residencia.

Unha vez concedida a bolsa, a persoa beneficiaria deberá matricularse antes do 15 de novembro nalgunha titulación de grao, mestrado universitario, doutoramento ou propia de especialista da Universidade de Vigo. Unha vez matriculadas, estas persoas deberán participar de xeito presencial nas actividades académicas ao longo de todo o curso e realizar as probas e exames das materias nas que se atopan inscritas, así como nas demais actividades orientadas a completar a súa formación. 

Ademais, deberán entregar unha memoria sobre a experiencia persoal e académica, no prazo dunha semana dende que remata o curso.