DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eladio Santos visitou este venres a institución académica

O campus amosa o seu potencial investigador ao subdelegado do Goberno en Ourense

Persoal investigador expuxo diferentes proxectos que realizan con financiamento estatal

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 28/02/2025

Este venres o campus de Ourense recibiu a visita de Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense. O responsable institucional reuniuse con Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e visitou diferentes grupos de investigación nos que puido coñecer de primeira man proxectos que neles se realizan con financiamento estatal.

Na Facultade de Ciencias, Gil Garrote, Beatriz Gullón e María Dolores Torres explicaron na vista diferentes liñas de investigación que desenvolven os grupos de investigación Biorrefinaría e Valorización de Biomasa (Bio2Val) e EQ-2. Entre eles citaron os centrados en dar unha segunda vida a restos de biomasa vexetal para obter diversos compostos de valor engadido (biocarburantes, ingredientes para a industria alimentaria, etc). Xa na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Higinio González, catedrático coordinador do grupo de investigación Aerolab (Aerospace & Transportation Systems Laboratory) e membro do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo, expuxo pola súa banda liñas de investigación arredor da aplicación de aeronaves non tripuladas, drons, a diferentes sectores, como o agrícola e o de transportes. Igualmente explicou proxectos que levan a cabo no eido de aplicación de novas tecnoloxías no mantemento de liñas ferroviarias.

O vicerreitor do campus amosou a súa satisfacción por esta visita, que, apuntou, permite “a posta en valor dos numerosísimos proxectos, ademais dos contratos Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, que temos financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e dos que este venres presentamos unha pequena mostra ao subdelegado do Goberno en Ourense”. A visita, engadiu, permitiu ao subdelegado “ver como efectivamente se están executando correctamente estes proxectos, proxectos aplicados, nos que se implican numerosas empresas e que buscan dar solucións a realidades e necesidades da sociedade, que queren redundar en beneficio de todos”.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense amosou o seu interese polo desenvolvemento destes proxectos e contratos financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e reafirmou o compromiso do goberno central coa ciencia, o coñecemento, a investigación e a I+D, neste caso a realizada desde a universidade e os seus grupos de investigación e concretamente desde o campus de Ourense.