DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información

O campus de Ourense acollerá o Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia CoDi

A cita terá lugar os días 12, 13 e 14 de marzo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Transferencia
DUVI Ourense 05/03/2025

A Universidade de Vigo e Ediciones Profesionales de la Información SL organizan os días 12, 13 e 14 de marzo a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia (CoDi). A actividade desenvolverase no campus de Ourense e terá como obxectivo fomentar o intercambio de coñecementos científicos entre expertos e expertas e promover a divulgación científica entre a comunidade académica e o público en xeral.

CoDi conta cun consello científico no que se implica un amplo abano de especialistas de numerosas universidades españolas e un comité organizador, ambos presididos por Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. O comité organizador conta ademais con Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, como vicepresidente; José Rúas, profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, como coordinador, e forman parte del membros da Unidade de Cultura Científica da UVigo.

Sobre a relevancia da temática deste evento, desde a súa organización explican que “a divulgación e a transferencia da ciencia e o estudo do seu impacto na sociedade son cruciais na era contemporánea, onde o coñecemento científico avanza a pasos axigantados”. A ciencia, engaden, “ao ser un piar fundamental do progreso, non só moldea o noso entendemento do mundo, senón que tamén inflúe de maneira importante na sociedade no seu conxunto”. Deste xeito, subliñan que “a divulgación científica non só democratiza o acceso ao saber, senón que tamén fortalece a relación entre a comunidade científica e o público en xeral, impulsando a toma de decisións informadas”.

Intercambio de ideas, análise crítica e colaboración

Neste marco de traballo, CoDi preséntase como un espazo para o intercambio de ideas, a análise crítica e a colaboración entre a comunidade científica, divulgadora e profesional de diversas disciplinas. “A través deste evento, buscamos avanzar cara unha comprensión máis profunda de como a ciencia pode contribuír positivamente ao benestar social e como podemos tratar os desafíos éticos e sociais que xorden no camiño do progreso científico”, afirman desde a súa organización.

O congreso conta cun amplo e diverso programa de conferencias, mesas redondas, pósters e outras actividades que terán como escenario principal o edificio Politécnico do campus de Ourense. A actividade o primeiro día comezará, tras a inauguración oficial, cun relatorio titulado Ciencia de primeira plana, ofrecido por Eduardo Rolland, periodista, escritor e guionista audiovisual, e rematará cunha mesa redonda sobre o papel das institucións na mellora da transferencia. O segundo día, a programación arrancará cunha conferencia sobre intelixencia artificial en comunicación e divulgación, a cargo de Óscar Huertas, responsable de Comunicación e Divulgación do Instituto DaSCI-UGR, e pecharase cunha representación artística divulgativa titulada La chispa mágica, con Manuel Vicente e César Goldi. O último día de CoDi iniciarase pola súa banda cunha intervención sobre indicadores de impacto social das revistas do SCImago Journal Rank, a cargo de Félix de Moya Anegón, de SCImago Lab, e rematará coa entrega de premios aos mellores pósters do congeso; a presentación do seu resumo e conclusións e a súa clausura oficial.

Diferentes actores

A programación contará cun amplo abano de especialistas relacionados de diferente xeito coa divulgación científica e a transferencia. Desde a organización apuntan como “os científicos e científicas van sendo conscientes de que, ademais de dar a coñecer os resultados das súas investigacións aos seus colegas, a través de revistas e congresos, tamén deben transmitilos e explicalos ao público, ou polo menos saben que o teñen como unha materia pendente”. Ademais, engaden, “parece un momento adecuado para organizar este congreso debido a que no mundo da ciencia vai calando cada vez máis a idea de que a sociedade, que cos seus impostos paga a investigación científica, ten o dereito de recibir os seus beneficios ou polo menos saber como e en que se investiron os seus diñeiros”. Por último, desde CoDi apuntan que “tan importante como a divulgación en si, é a medición do seu impacto na sociedade; por iso, o congreso busca a participación dos expertos e expertas en indicadores informétricos e altmétricos que poidan achegar as súas metodoloxías”.