Na primeira asemblea de campus do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo
Ceuvi elixe os seus primeiros representantes en Pontevedra
A reunión viuse complementada por un encontro das delegacións de estudantes
Coordinar e organizar a representación do estudantado nos diferentes órganos da institución académica é un dos obxectivos do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi), que recentemente elixía os seus primeiros representantes no campus de Pontevedra. Facíao nunha asemblea que tiña lugar na Facultade de Dirección e Xestión Pública e que se viu sucedida por un encontro informal dirixido a pór en contacto ás e aos representantes das delegacións de estudantado das diferentes facultades e escolas.
O estudante da Facultade de Comunicación Frank Rodríguez e a alumna de Belas Artes Lidia Alonso foron elixidos secretario e vogal, respectivamente, da asemblea do campus de Pontevedra deste consello, na que foi a súa primeira reunión, explica o presidente de Ceuvi, Juan Santos. Elixido presidente do Consello de Estudantes o pasado mes de decembro, este alumno da Escola de Enxeñería Industrial destaca que un dos obxectivos desta reunión era “conseguir unha representación permanente no campus” da Ceuvi, na que quedou vacante o cargo de coordinador do campus de Pontevedra.
Ao mesmo tempo, este encontro pretendía tamén “aumentar as relacións coas diferentes delegacións” e coñecer os problemas e inquedanzas das diferentes delegacións, o que motivou que tras a asemblea tivese lugar un encontro informal que buscaba tamén que os delegados e delegadas “se coñecesen entre eles”, aspecto que leva a Santos a pór de relevo “o positivo” dunha xuntanza na que participaron preto de 40 representantes do estudantado. Neste senso, o presidente da Ceuvi destaca este encontro como un primeiro paso de cara a poder “traballar conxuntamente”, promovendo que as e os diferentes representantes do estudantado “poidamos estar máis integrados e traballar cóbado con cóbado”.