DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras seis anos como vicedecana no equipo liderado por Miguel Ángel Nombela

Ciencias do Mar celebrará eleccións a decanato a vindeira semana con Elsa Vázquez como única candidata

A cita coas urnas, á que están chamadas 56 persoas, será o vindeiro mércores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/11/2024

A Facultade de Ciencias do Mar celebrará o vindeiro mércores eleccións a decanato e farao cunha única candidatura encabezada pola catedrática María Elsa Vázquez Otero, quen se animou a dar un paso adiante tras seis anos como vicedecana no equipo liderado por Miguel Ángel Nombela Castaño. Acompañarana nesta aventura os docentes Óscar Nieto Palmeiro e Estefanía Paredes Rosende, que xa exercían como vicedecano e secretaria, e a eles únese, en calidade de vicedecana, a profesora Cristina Sobrino García.

Están chamadas ás urnas un total de 56 persoas: 46 membros do Persoal Docente e Investigador, nove estudantes e un membro do Persoal Técnico de Administración e Servizos, PTXAS.

Catedrática da Área de Zooloxía e investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Elsa Vázquez conta cunha sólida traxectoria`profesional, tanto a nivel investigador como no ámbito da xestión, chegando a exercer cargos como o de vicerreitora de Investigación, sendo reitor Alberto Gago. A todo isto sumou hai apenas unha semana outras tarefas máis vinculadas co ámbito da cultura como a codirección da Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo, participando esta mesma mañá nun acto realizado ao abeiro desta iniciativa na facultade e no que estivo acompañada polo outro director, o profesor Jesús Souza Troncoso; o actual decano, Miguel Ángel Nombela e o documentalista submarino José Irizarri.

“Ser decana da facultade é o maior orgullo que podo ter”

Á pregunta de por que se decidiu a dar o paso e presentarse ao cargo resposta con contundencia. “Creo que ser decana da facultade é o maior orgullo que podo ter como docente e investigadora, sobre todo nun centro como o noso, no que temos un marabilloso ambiente, tanto entre o profesorado como co persoal de administración e servizos”, subliña a candidata. A todo isto engade que no centro tamén manteñen unha relación moi próxima co alumnado, “escoitando necesidades e suxestións de todos eles”. 

Firme defensora e persoa totalmente comprometida co mundo da educación, “que é o que nos pode salvar da atmosfera de desinformación que o invade todo”, está convencida de que desde o ensino das Ciencias Mariñas, “estamos a formar profesionais moi capaces, cunha mentalidade crítica e tremendamente flexibles co que creo que contribuímos significativamente á sociedade”.  

De conseguir a vindeira semana o apoio da Xunta de Facultade, o seu maior obxectivo como decana será “seguir defendendo os intereses deste centro e a valía dos nosos egresados e egresadas nunha contorna laboral en permanente cambio”, así como loitar “por conseguir máis recursos, recoñecemento e apoio institucional para que sigamos tendo unha educación pública de calidade”. 

Ao mesmo tempo buscará seguir o ronsel dos seus predecesores e predecesora no cargo, “para os que o único que teño son afagos e polos que sinto especial admiración, especialmente polo actual decano, Michel Nombela, con quen traballei os últimos seis anos como vicedecana. Todos eles conseguiron que nos sintamos orgullosos de formar parte desta facultade e de que o noso grao siga ano tras ano sendo atractivo para as novas xeracións”.

Nombela: “Ciencias do Mar é un lugar cun ambiente inmellorable”

A celebración destas eleccións marcará un final de etapa para o actual decano, Miguel Ángel Nombela, quen xa exercera este cargo en 2002, data na que se fundou o centro, tras dividirse a daquela Facultade de Ciencias nas actuais: Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. En relación a estes últimos seis anos á fronte do centro valora esta etapa como  unha oportunidade que lle serviu, para gozar, “aínda máis se cabe”, da proximidade do alumnado e do resto do profesorado. “Ciencias do Mar é un lugar cun ambiente inmellorable no que todos e todas, PTXAS, PDI e alumnado, ‘remamos’ xuntos para alcanzar a excelencia”, subliña o decano.

Como feitos máis destacados desta etapa destaca a xestión da pandemia, xunto coa renovación da acreditación do Grao en Ciencias do Mar, así como unha maior apertura da facultade á sociedade (visitas de institutos e colexios, participación en xornadas de portas abertas, presenza en distintas feiras, etc.). Así mesmo, tampouco se esquece de cuestións como o fortalecemento do sistema interno de garantía da calidade para alcanzar o certificado FIDES-AUDIT, a participación na Conferencia Mundial dos Océanos en Barcelona,  ou a confección de horarios para unha mellor conciliación familiar, social e de ocio.