Acadou oito delegadas e delegados, CCOO seis, FOL catro e UGT tres
A CIG é o sindicato máis votado nas eleccións á Xunta de Persoal Funcionario da UVigo
Votaron este xoves 581 persoas, o 74,77% do electorado
O Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos (PTXAS) da Universidade de Vigo elixiu este xoves aos e ás súas representantes sindicais da Xunta de Persoal Funcionario. Votou o 74,77% do electorado, 581 persoas, e o sindicato máis votado foi a CIG, que acadou oito delegadas e delegados. Síguelle CCOO, con seis; Frente de Obreros en Lucha en la Universidad de Vigo (FOL), con catro, e UGT, con tres.
Catro foron as candidaturas que se presentaron para conformar o que será o único órgano de representación sindical do persoal técnico de xestión de administración e servizos funcionario. Por primeira vez concorreu FOL e repetiron CIG, CCOO e UGT. Dos 777 electores e electoras, o voto válido ascendeu a 581 persoas no conxunto da Universidade de Vigo, é dicir, o 74,77%. Esta porcentaxe de participación é superior ao do último proceso electoral funcionario, que tivo lugar en 2018 e no que participou o 72%.
Do total de 581 votos válidos emitidos, 557 foron asignados a candidaturas e 24 foron en branco. Ademais 19 votos foron nulos. Por campus, en Vigo o número de electoras e electores ascendeu a 584 e houbo 441 votos válidos (417 a candidaturas e 13 en branco) e 11 nulos. En Ourense, o número de electores e electoras ascendeu a 99, habendo 81 votos válidos (75 a candidaturas e cinco en branco) e un nulo. Por último, en Pontevedra estaban chamadas a votar 94 persoas, habendo finalmente 78 votos válidos (65 a candidaturas e seis en branco) e sete nulos. A CIG acadou no total da UVigo 226 votos (38,89% dos votos válidos) e oito representantes; CCOO 153 votos (26,33%) e seis representantes; FOL 109 votos (18,76%) e catro representantes e UGT 69 votos (11,87%) e tres representantes.
As e os representantes elixidos para a Xunta de Persoal Funcionario da UVigo son os seguintes. Da CIG Carlos Mollinedo, Rodrigo Alverte, María José Ríos, José Manuel García, Rafael Ameneiro, Paula María González, José Luis Pita e María Remedios Lameiro. De CCOO están Victoria Alonso, Berta Covelo, María Nuria Andión, Patricia Sío, Juan Ignacio Nogueira e María Luisa Magaz. Polo que respecta a FOL están Javier Novas, María del Carmen Álvarez, Alejandro Martínez e Natalia Cabaleiro. Por último, de UGT entran Pablo Álvarez, María Moreira e José Manuel Sóñora.
Un novo escenario
Encabezando a lista máis votada, a da CIG, Carlos Mollinedo salienta que “estamos contentos” cos resultados acadados, querendo darlle “as grazas a toda a xente que nos apoiou, que apoiou na nosa candidatura”. En todo caso, amosou a súa “sorpresa” polos resultados conseguidos polos dous novos sindicatos que acadan representación, CCOO e FOL (na xunta precedente, a constituída en 2018, só estaban CIG e UGT). O volume de votos destas dúas formacións entrantes son interpretados polo representante da CIG como que “fomos castigados”. Isto, afirma, podería deberse quizais a un certo malestar cos sindicatos que ata o de agora tiñan representación ou un desexo de “novos cambios”.
Esta fragmentación do voto en catro sindicatos, tradúcese, comenta Carlos Mollinedo, en que a CIG ten “a maioría do apoio dos traballadores pero non a maioría para poder presidir a Xunta de Persoal e polo tanto estamos pendentes de ver cal será o proceso, unha vez constituída a xunta”, no referido á elección da súa presidencia e secretaría, apuntando que podería haber desde un pacto a dúas ou tres formacións ata outros escenarios. A partir do día 10 de abril, detalla, debería cesar a actual xunta e “as catro forzas deberiamos organizármonos para constituír a nova Xunta de PTXAS”. Nesta nova etapa que se abre, Carlos Mollinedo, sinala que “o máis importante agora é poñérmonos coa carreira profesional”, tanto a carreira vertical como horizontal, “e co tema da conciliación familiar”, abranguendo cuestións como a flexibilidade da xornada laboral.