Hai de prazo para facelo ata o 24 de abril
De Covelo a Parada de Sil pasando por Arnoia… o alumnado xa pode solicitar as bolsas Campus Rural
Búscanse perfís de todos os ámbitos dispostos a facer prácticas en concellos de menos de 5000 habita
As Neves, Arnoia, Covelo, Mondariz, O Rosal, Parada de Sil, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso… Son só algúns dos concellos que, salpicados por toda a xeografía galega, agardan recibir este verán a alumnado universitario que desexe facer alí as súas prácticas profesionais, tanto curriculares coma extracurriculares. Falamos do programa Campus Rural, unha iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a CRUE para fomentar a vinculación da xente nova cos espazos rurais, xerando novas formas de arraigamento que impulsen a actividade e creen oportunidades de emprego nos concellos rurais de menos de 5000 habitantes.
22 entidades de todas Galicia na procura de alumnado universitario
Nesta ocasión, inscribíronse no programa 22 entidades de toda Galicia que poñen ao dispor das persoas interesadas preto de medio cento de ofertas, xa que cada entidade pode solicitar diferentes perfís. Entre estas entidades hai moitos concellos, pero non só, o perfil é moi variado e inclúe, entre outros, diferentes asociacións para o desenvolvemento rural (Sil-Bibei-Navea, O Viso, Portas Abertas…), empresas (Vestal Etnografía SL, Mainly Labs, Eidosd Solucións…) e tamén comunidade de montes (Mouriscados), agrupacións musicais (O Rosal), escolas infantís (Taboexa, nas Neves) ou fundacións (Uxío Novoneyira, CEO...).
Búscanse alumnas e alumnos de todo tipo de titulacións, tanto de grao como de mestrado, sobre todo do ámbito xurídico e social (Comunicación Audiovisual, Educación Infantil, Educación Primaria, Publicidade e Relacións Públicas...); pero tamén científico (Bioloxía, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar...); de artes e humanidades (Xeografía e Historia, Belas Artes, PCEO de Turismo con Xeografía e Historia...), e enxeñaría (Forestal, Agraria, Mecánica, Recursos Mineiros e Enerxéticos...).
Prácticas de entre 2 e 4 meses entre maio e novembro
A duración das prácticas será de entre 2 e 4 meses, comprendidos entre o 1 de maio e o 14 de novembro. Dotadas cunha contía mensual de 1000 euros,as persoas interesadas poden consultar na web da UVigo toda a listaxe de entidades, postos solicitados, titulacións requiridas… e facer as súas solicitudes ata o 24 de abril.
Unha experiencia “moi enriquecedora”
En base á experiencia de anos anteriores, a responsable da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, Maruxa Álvarez, destacaba no lanzamento desta última edición de Campus Rural que a valoración que lles acostuma chegar do alumnado participante neste programa de bolsas é sempre moi positiva. “Realizar estas prácticas na contorna rural élles moi enriquecedor e axúdaos a ampliar os seus obxectivos profesionais”, salientaba Álvarez, ao que engadiu que as vantaxes tamén son moitas para as entidades participantes “que contan nestes mozos e mozas cunha potencial fonte de talento para os seus equipos”.