DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un taller sobre ‘rakú’, que implica o traballo con pezas a lume vivo

Un curso de verán permite iniciarse nunha técnica oriental de traballo coa cerámica

A actividade cubriu todas as súas prazas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/07/2024

Inserido na programación de extensión universitaria que a Vicerreitoría do campus promove nestes meses de verán, a Facultade de Belas Artes acolle un curso que permite ás e aos asistentes iniciarse no rakú, unha técnica tradicional oriental de traballo coa cerámica, na que as pezas retíranse a lume vivo do forno para depositarse en recipientes con materiais orgánicos, como serraduras ou follas, producindo o seu tinguido. Dirixido polo profesor Juan Carlos Román, este curso cubriu as súas 23 prazas e tiña como obxectivo tanto iniciar aos participantes no proceso completo de traballo con esta técnica, como estudar as posibilidades plásticas das arxilas que se empregan neste proceso e abordar finalmente o proceso de esmaltado e acabado das pezas.

“O rakú é fundamentalmente un proceso azaroso onde o resultado pode ser diferente, aínda que os elementos que interveñan sexan os mesmos”, apunta Román respecto da técnica na que se centra un curso que contou coa participación como docentes da ceramista Emilia Guimerans, o arquitecto e artista visual Cipriano Chas e a egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece. Das súas mans, as e os participantes afondaron nas diferentes fases de traballo con esta técnica, nun curso que se trasladou das aulas ao patio interior da facultade. Non en van, explican, a “parte máis importante” do traballo con esta técnica é “o tránsito na segunda cocción”, na que “o esmaltado está cristalizando na peza”, que é “extraída incandescente” do forno para depositarse “nun recipiente con serraduras, follas secas, ramas de arbusto..., coa intención de xerar fume e tinguir a peza”. Poucos minutos despois, explican, “ese proceso precipítase baixando a temperatura con auga e conseguindo as texturas e matices tan característicos do rakú”, unha técnica que destaca polos “cambios que xeramos no proceso de cristalización de óxidos e esmaltes” e que resulta “imprescindible que se realice no exterior”, o que fixo do patio da facultade un “marco excepcional” para este curso. 

Cerámica e experimentación

Ao igual que os diferentes obradoiros que nos últimos anos permitiron iniciarse en Belas Artes no traballo coa cerámica e nas súas diferentes técnicas, este curso cubriu en poucas horas todas as prazas ofertadas, o que amosa, subliñan, o interese deste tipo de formación no eido da arte contemporánea. “A cerámica, en todos os seus procedementos e técnicas, expresa e potencia as capacidades creativas de quen a practica, de tal maneira que calquera que se achegue a ela verase fronte a un espello ou ante unha vasta paisaxe con gañas de explorar”, subliña Román. De aí que incidan en que se trataba dunha actividade aberta tanto a aquelas persoas que se achegaban ao traballo con estes materiais por primeira vez como para aquelas que contaban xa co experiencia previa, ao que se suma o feito de que o rakú “invita á experimentación e a conseguir novos craquelados e nacarados”. Nese senso, este curso abrangue as diferentes fases do traballo coa cerámica, desde o modelado inicial e o posterior secado ao traballo con esmaltes e óxidos, así como as especificidades da técnica do rakú. Neste punto, resaltan tamén a importancia de que a actividade contase con catro docentes, xa que, tanto a manipulación do forno de gas como o traslado de pezas a lume vivo cunhas tenaces “necesita de mans expertas nunha primeira toma de contacto”.  

Aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, esta actividade insírese na programación de cursos de extensión universitaria que ao longo do verán se desenvolven no campus e que se estenderá ata as primeiras semanas do curso 2024/2025. De feito, dous dos cursos inseridos nesta programación, Creación téxtil: feltro e texturas e Residuos, tinguidos e retal. Práctica artística sostible, manteñen aberta a súa inscrición, ata que se completen as prazas ofertadas ou ata 15 días antes do seu inicio.