Dirección e Xestión Pública homenaxea no seu 25 aniversario ás entidades que acollen os seus titulad
Dirección e Xestión Pública homenaxea no seu 25 aniversario ás entidades que acollen os seus titulados e tituladas
Dirección e Xestión Pública homenaxea no seu 25 aniversario ás entidades que acollen os seus titulad
A longo do presente curso, a Facultade de Dirección e Xestión Pública celebra o 25 aniversario da posta en marcha destes estudos na Universidade de Vigo, a través dun conxunto de actividades formativas e divulgativas que nas próximas semana, buscarán tamén render homenaxe a diferentes entidades nas que os egresados e egresadas desenvolven a súa traxectoria profesional. Con ese obxectivo, no programa de actos para este segundo cuadrimestre figura tanto un acto de recoñecemento ás institucións públicas, como outro centrado no sector empresarial, aos que se suman unha conferencia da presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, e a participación da secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli, no acto de graduación dunha nova promoción de titulados e tituladas.
Como explica o decano, Enrique Varela, a programación para estes meses continúa “na liña do que fixemos no primeiro cuadrimestre”, combinando as actividades académicas con outras de carácter máis institucional, que se reforzan, sinala, con “convidados de primeiro nivel”. Nese senso, co obxectivo de pór en valor algunhas das institucións e empresas nas que traballa un maior número de titulados e tituladas, o 30 de abril terá lugar un acto de homenaxe dedicado ao sector público, que contará coa participación do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e de varios dos titulados e tituladas que traballan no ente provincial. Por outra banda, o 6 de maio, terá lugar o dedicado ao ámbito empresarial, no que se efectuará unha homenaxe a SIGA98, coa participación do seu conselleiro delegado, José Manuel Mariño, así como do presidente do Consejo General de Gestores Administrativos de España, Fernando Jesús Santiago.
Dous días despois, a facultade celebrará a conferencia de clausura do curso, 'A toma de decisións políticas baseadas na evidencia científica', que será impartida pola presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, quen fora docente no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Previamente, lembra Varela, a programación deste segundo cuadrimestre albergou no mes de marzo unha conferencia do catedrático da Universitat de Girona Salvador Martí e un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, promovido xunto coa Delegación de Alumnado.
A vixencia do pensamento de Hannha Arendt
Aínda que a antiga diplomatura en Xestión e Administración Pública comezou a impartirse en 1999, a Facultade de Dirección e Xestión Pública constituíse no ano 2022 e, tras a súa creación, decidiu dedicar cada ano a festividade do centro a un persoeiro ou feito histórico. Nesta ocasión e coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento, a escollida foi Hannah Arendt, “unha das máximas figuras históricas das ciencias sociais en materia de democracia e totalitarismos”, subliña Varela. No marco dun proxecto de innovación, o alumnado de tres materias do grao afondou tanto no contexto político e persoal desta filósofa, como nas chaves do seu pensamento político, e os resultados do seu traballo reúnense nunha exposición de paneis, que se presentará o 22 de abril. Esta iniciativa permitirá tanto pór en valor a súa figura como “difundir a vixencia do seu pensamento para entender o contexto actual de medre da extrema dereita e espallamento da mentira política”, sinala o profesor Xosé Mahou, coordinador dunha actividade que levará o alumnado a conectar o concepto da “banalidade do mal” desenvolvido por Arendt con acontecementos como “o auxe do trumpismo e o xenocidio en Gaza”.
Esta exposición insírese na II Semana DXP, que a facultade promove coincidindo coa festividade do centro, e que se completará cunha nova edición das 'Olimpíadas DXP', unha serie de actividades deportivas nas que participará tanto alumnado como profesorado.
Xa en maio, a facultade sumarase o mércores 14 ás conmemoracións do Día das Letras Galegas cunha actuación musical e o 13 de xuño terá lugar o acto de graduación, no que participará a secretaria de Estado de Función Pública. Finalmente, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Administración Pública, o 18 de xuño celebrarase a ‘homenaxe alumniDXP’, un encontro que se insire no interese do centro por “reconectar cos profesionais de diferentes eidos que pasaron polo grao e mestrado nos últimos 25 anos”, salienta Varela.
Este evento combinará a participación presencial e virtual, ao igual que boa parte da programación deste 25 aniversario dunha facultade que conta co único grao cunha modalidade virtual do sistema universitario galego.