Cunha exposición que reúne os resultados dos traballos realizados polo alumnado
Dirección e Xestión Pública reivindica a vixencia do pensamento de Hannah Arendt
Nunha actividade inserida na programación do 25 aniversario destes estudos
Coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento, a pensadora estadounidense Hannah Arendt foi neste 2025 a figura escollida pola Facultade de Dirección e Xestión Pública como “matroa” do centro, dando continuidade a unha iniciativa posta en marcha o pasado ano, pola que a facultade dedica cada ano a festividade do centro a un persoeiro ou feito histórico. Deste xeito, a facultade abría a II Semana DXP coa exposición duns paneis nos que o alumnado plasma os resultados dos traballos sobre esta pensadora política que levaron a cabo no marco dun proxecto de innovación docente. Como explica o seu coordinador, o profesor Xosé Mahou, esta iniciativa abrangueu tres materias de primeiro curso (Gobernos Autonómicos, Políticas Públicas e Socioloxía Xeral), nas que o estudantado centrouse “no contexto político, o pensamento político e o contexto persoal” de Arendt.
Os resultados finais foron presentados por un grupo de alumnas participantes no proxecto e plásmanse na mostra que pode contemplarse na Ágora da facultade. Esta permite tanto afondar na traxectoria de Arendt como “difundir a vixencia do seu pensamento para entender o contexto actual de medre da extrema dereita e o espallamento da mentira política”, sinala Mahou. De feito, nesta mostra, o alumando aborda cuestións como “o auxe do trumpismo e o xenocidio en Gaza”, sinala, conectando estes feitos coa “banalidade do mal”, o concepto desenvolvido por Arendt “que maior influencia tivo na filosofía contemporánea”.
Esta exposición insírese na programación do 25 aniversario da implantación destes estudos na Universidade de Vigo, que continúa o vindeiro mércores 30 cunha homenaxe á Deputación de Pontevedra. Xa en maio, o martes 6 terá lugar outra homenaxe centrada no sector empresarial, na que se efectuará un recoñecemento á empresa SIGA98, e o xoves 8, a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, impartirá a conferencia de clausura. Tamén en maio, a facultade sumarse o mércores 14 á conmemoración do Día das Letras Galegas cunha actuación musical e o 18 de xuño terá lugar a homenaxe 'alumniDXP' a egresados e egresadas de diferentes promocións.