DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus e a cidade acollerán conferencias, recitais, festas e cursos

Dúas semanas e preto de 20 actividades para celebrar as linguas, as literaturas e a tradución

Organizado por docentes da FFT, prolongaranse ata o 4 de outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Cursos
  • Internacional
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/09/2024

Cunha conferencia da xornalista e experta en cooperación internacional Laura Feal, titulada Utopía e soño en Gandiol. Unha experiencia de autorrealización comunitaria en Senegal, botaban a andar nas últimas horas as actividades da Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución. Organizada polos docentes e investigadores da Facultade de Filoloxía e Tradución María Méndez, Alberto Álvarez Lugrís, Valentina Marta, Ana Varela, Maruxa Cabeza, Carla Figueiras, Maite Veiga e Patricia Buxán, a semana prolongarase ata o 4 de outubro con conferencias, coloquios, recitais de poesía, obradoiros, mesas redondas, cursos e mesmo un speed dating e unha festa do multilingüismo co alumnado internacional da UVigo.

“Neste mes de setembro dáse a feliz coincidencia de que se celebran o Días das linguas de signos (23), o Día europeo das linguas (26) e o Día internacional da tradución (30) e parecíanos, que dende unha universidade pública debiamos de contribuír a darlle relevancia a estas conmemoracións sobre uns elementos tan imprescindibles na vida cotiá como as linguas e a comunicación interlingüística”, reflexiona Alberto Álvarez Lugrís, para quen estas efemérides tamén son unha boa oportunidade para trasladarlle á sociedade viguesa o labor que desenvolven na facultade “e a súa relevancia para a vida diaria”. Precisamente, para darlle cumprimento a este obxectivo as actividades da semana desenvolveranse ademais de no campus, en localizacións da cidade de Vigo como o centro comercial A Laxe, a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, o Marco, a Casa Galega da Cultura e o edificio Redeiras.

Un programa pluridimensional e con perspectivas novidosas

“Queriamos dar cabida a todas as dimensións das linguas, as literaturas e a tradución, polo que non nos limitamos aos estudos da facultade e buscamos persoas que nos puidesen poñer en contacto con linguas menos coñecidas, como foi o caso da conferencia sobre Senegal de onte, un curso de introdución á lingua e cultura lituanas ou a festa do mutilingüismo, na que participará o alumnado internacional da UVigo”, sinala Álvarez Lugrís, que destaca que no programa tamén quixeron ver perspectivas novidosas das linguas e a tradución e sesións máis especializadas pensadas do alumnado e nos profesionais.

Logo da conferencia de onte de Laura Feal, o edificio Redeiras que a UVigo ten na zona vella de Vigo será o escenario este martes, a partir das 18.00 horas dun coloquio sobre linguaxe inclusiva, no que participarán, coa moderación da docente e investigadora Susana Barcia, as investigadoras predoutorais Carla Míguez Bóveda e Ártemis López. A poesía será a protagonista, a partir das 19.00 horas, entre o mércores e o venres, na planta baixa do centro comercial A Laxe, en tres recitais a cargo de Montserrat Villar, Antón Recamán e Inés Mosquera. O venres, ademais, a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello acollerá unha charla da AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, titulada Intelixencia vs. Artificial

As actividades reanudaranse o luns 30 coa conferencia do tradutor Gabriel Álvarez, Ao redor da tradución de manga: aspectos profesionais e tradutolóxicos, ás 10.00 horas no salón de actos da FFT. Ese mesmo día ás 18.00 horas no edificio Redeiras terá lugar a presentación do libro O son que cada lingua solta, editado por Alberto Lugrís, Tamara Andrés e Ana Luna a través do Servizo de Publicacións da UVigo. O martes 1 de novembro desenvolverase na FFT un obradoiro da man da tradutora Paloma Barrera sobre control de calidade de traducións con XBench e pola tarde, na Casa Galega da Cultura, celebrase o coloquio A estandarización das linguas do Estado, coa participación de Enrique Monteagudo (RAG), Miren Azkarate (Euskaltzinndia), Inaciu Galán (ALLA) e Maite Moret (AAL). O mércores na FFT, quenda para unha mesa redonda titulada Máis alá da creación e a edición: a cadea de subministración do libro, coa participación de representantes do sector editorial, ademais dun speed dating pluriglingüe co alumnado internacional da UVigo, que tamén será o protagonista da festa do multilingüismo que se desenvolverá pola tarde no centro comercial A Laxe. O xoves 3 terá lugar a Xornada Investiga, unha exposición de pósteres de investigación diante do museo Marco e un coloquio no seu salón de actos. Pola tarde, a colaboradora de Signamed Claudia Domínguez impartirá unha clase de iniciación á lingua de signos española.

As actividades chegarán o seu fin o venres 4 de outubro cunha xornada de formación de profesorado de idiomas na Escola Oficial de Idiomas. Así mesmo, durante toda a semana, no edificio Redeiras, desenvolverase un curso de introdución á lingua e cultura lituanas coa profesora Vigilija Žiūraitė da Universidade de Vytautas Magnus de Kaunas.

Perspectivas complementarias para o alumnado 

Ademais de trasladarlle á sociedade viguesa o labor que se realiza na FFT, as actividades da Semana internacional “queren ofrecerlle ao alumnado do centro perspectivas complementarias aos contidos académicos que reciben en clase”, explica Alberto Álvarez Lugrís.

Dentro do programa de actividades destinadas ao alumnado, destacan dúas que teñen ao estudantado internacional como destinatario: dunha banda o speed dating que se celebrará nas gradas exteriores da FFT o mércores 2 de outubro e ese mesmo día pola tarde, no centro comercial A Laxe unha festa do multilingüísmo. “O alumnado internacional da UVigo é unha enorme fonte de diversidade lingüística e cultural, son una fiestra máis que nos abre ao mundo e nos permite coñecer outras realidades que, ás veces, están moi afastadas da nosa”, sinala o docente e investigadora da FFT, que explica que a festa é un xeito de darlles a benvida á Vigo e á universidade, “pero tamén unha oportunidade de que nos descubran linguas coas que adoitamos ter pouco contacto ou costumes e tradicións distintas ás nosas”. Álvarez Lugrís anima á sociedade viguesa a participar na celebración “e coñecer persoalmente á comunidade internacional da UVigo, conversar co alumnado e levar un pequeno agasallo”.