DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As escaladoras Nieves Gil e Laia Duaigües inaugurarán as sesións este martes

Escalada, decrecemento e cambio climático centran o 4º Ciclo de Montaña que organizan Peña Trevinca e UVigo

Fernando Valladares e Xavier Labandeira completan o programa de relatores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 17/03/2025

O Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático que organizan o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia e a Universidade de Vigo botará a andar este martes coa proxección e charla titulada A amizade, o esencial para unha boa escalada a cargo das alpinistas e escaladoras Nieves Gil e Laia Duaigües. A directora da EGAM, Katya Sanz, será a encargada de presentar ás dúas compañeiras de cordada e amigas, que participaron xuntas no equipo español de alpinismo FEDME e que tamén xuntas enfrontaron retos como a primeira ascensión feminina na cara norte do Eiger, a apertura dunha nova vía de estilo alpino no Chekigo (Nepal) ou a escalada na Supercanaleta do Fitz Roy.

O mércores 19 o investigador do CSIC Fernando Valladares falará sobre Decrecemento, cara á nova prosperidade, nun relatorio que será presentado pola voceira de Ecoloxistas en Acción, Ana Pascual. Premio Jaume I e Premio Comunicación Ambiental da Fundación BBVA, Valladares é profesor da Universidad Rey Juan Carlos e un científico altamente citado polas súas investigacións sobre diversidade e os impactos do cambio climático.

Canto nos custa o cambio climático? é o título do relatorio co que o catedrático de Economía da UVigo Xavier pechará o xoves o ciclo, que acada este ano a súa cuarta edición e que se desenvolverá no auditorio do Concello de Vigo a partir das 20.00 horas. O tamén catedrático da Universidade de Vigo Gustavo Bergantiños será o encargado de presentar ao director de Economics for Energy e integrante do centro interuniversitario de investigación Ecobas, que trasladará na súa intervención ás persoas asistentes os seus coñecementos no ámbito da economía climática, pública e enerxética. 

Tres xornadas e catro expertos e expertas 

“Nas anteriores xornadas dedicadas ao medio ambiente e ao cambio climático tocamos temáticas tan diversas como a contaminación por derivados de plásticos no mar, o efecto das grandes vagas de lume ou a xustiza climática. E este ano, na segunda e na terceira xornada, respectivamente, reformularemos o concepto actual de prosperidade e poñerémoslle prezo ao actual cambio climático. Sen dúbida, estas dúas intervencións farannos pensar no camiño que queremos percorrer”, explica Cristina Fernández, vocal de Medio Ambiente de Club Peña Trevinca.

Cristina Fernández, que estivo acompañada na presentación da nova edición do ciclo polo expresidente do Club, Carlos Garrido, e pola concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez,  tamén destaca que na primeira xornada do ciclo falarase “do importante que é a amizade dentro da cordada para conseguir os maiores logros na escalada alpina”. A vocal de Medio Ambiente e o expresidente do Club, agradecen o apoio da UVigo e do Concello, así como de todos os patrocinadores, e moi especialmente o do público “por estar cada mes de marzo anotando estas xornadas no voso calendario. Sodes a maior colaboración coa que conta este ciclo”.