DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está situada no muro exterior central do edificio Campus Auga

A intervención artística ‘Dúas fontes, unha fonte’ homenaxea os 50 anos do campus de Ourense

Foi realizada por María del Mar Ramón Soriano coa colaboración de súa nai, Teresa Soriano

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/12/2024

Dúas fontes, unha fonte. Este é o título da intervención artística inaugurada este luns no campus de Ourense, concretamente no muro exterior central do edificio Campus Auga. A obra da artista María del Mar Ramón Soriano, feita coa colaboración de súa nai, a ceramista Teresa Soriano, foi realizada co gallo da celebración este ano do 50 aniversario do campus de Ourense.

Na inauguración da peza, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, recalcou que con ela réndese homenaxe ao medio século de historia deste campus, un período no que, subliñou, “houbo moitísima xente que pelexou moito para que teñamos este campus tan fermoso que temos, con moitas titulacións e alumnado, tendo hoxe en día máis dun cen por cen de matrícula”, sinalou. O vicerreitor salientou que a obra de María del Mar Ramón Soriano escollida para esta homenaxe é “unha elección moi acaída da que nos vamos a sentir moi orgullosos”, facendo fincapé tamén na súa vinculación co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e alimentarios acreditado pola Xunta de Galicia.

Traballo colaborativo

A obra foi a gañadora do Concurso de intervención artística Campus Auga 2024, organizado pola Universidade de Vigo, dotado con 5000 euros e no que estivo como xurado Francisco Javier Rodríguez Rajo, como presidente; Ignacio Pérez-Jofre; Javier Blanco Sierra; Marita Carmona e Filemón Rivas, como secretario. A autora principal de Dúas fontes, unha fonte é María del Mar Ramón Soriano, nacida en Valencia en 1993, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, que ten o seu taller en Niñodaguia, aldea ourensá de tradición cerámica. Ten realizado estancias en Estados Unidos, grazas a una bolsa Fulbright de estudos artísticos, e diversas residencias de produción e investigación. Ademais, ten exhibido individualmente en diversas galerías e participado en exposicións individuais e colectivas, entre elas na Sala Alterarte do campus de Ourense.

Segundo explicou María del Mar Ramón Soriano na presentación, a idea desta intervención artística xorde tendo en conta a especialización do campus de Ourense como Campus Auga e afondando no seu interese persoal “na idea de corpo como filtro e a auga como cousa cíclica dentro do corpo”. A artista explicou que leva “unha tempada traballando con vasillas con forma de fonte e fontes que funcionan en si mesmas” polo que fixo a proposta de “facer como dúas fontes, unha grande e unha pequena” representando tamén o traballo colaborativo que fai con súa nai, que, indicou, lle axuda en todas as exposicións e producións. Así, detallou, quixo “facer como unha especie de retrato de nolas dúas, no que a fonte grande é ela e a fonte pequena son eu e dalgunha maneira un dos chorros de auga converxe, como o traballo que se fai en colaboración”. María del Mar Ramón  agradeceu á Universidade de Vigo a elección da súa proposta e o feito de dar a oportunidade a artistas de poder realizar obras de grandes dimensións como a inaugurada este luns. Pola súa banda, Teresa Soriano salientou sobre esta experiencia que “poder traballar cunha filla é algo moi satisfactorio”, amosando a súa ledicia e agradecemento por ter podido participar neste proxecto.  

A proposta elixida como gañadora polo xurado do certame consiste nunha intervención con cerámica refractaria cocida a alta temperatura e esmaltada en azul cobalto. Cunhas dimensións aproximadas de 700 x 1100 cm, as fontes están realizadas a modo de mosaico, feitas a mano a partir de baldosas/placas orgánicas de aproximadamente 20 cm de ancho e con 2-3 cm de profundidade.