A edición deste ano da mostra terá lugar do 23 de abril ao 10 de maio
A Miteu celebra tres décadas apostando polo teatro universitario
A UVigo volve a ter un lugar destacado na programación coa participación das súas cinco aulas
Unha primavera máis volve a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Pero nesta ocasión faino dun xeito especial, para celebrar a súa 30 edición, tres décadas apostando polo teatro universitario. Este ano a súa programación desenvolverase do 23 de abril ao 10 de maio e nela a Universidade de Vigo volverá a ter un papel destacado, non só como unha das entidades que financia senón tamén coa participación no certame das súas catro aulas de teatro universitario e dos grupos de danza, música tradicional e coro do campus de Ourense.
30 anos de Miteu …desculpen as molestias! é o lema escollido para esta edición, que foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense coa participación de representantes das institucións e empresa que apoian o evento, estando Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; José Luis Troitiña, xerente do Liceo de Ourense; Luís Portabales, fundador de Cervexas Esmorga, e Fernando Dacosta, director da Miteu.
Nas súas intervencións houbo parabéns para unha mostra que, subliñouse, é froito das sinerxías de colaboración entre as entidades presentes e que converte cada ano a Ourense en epicentro da actividade teatral universitaria. Ademais, puxeron en valor a calidade e diversidade da súa programación e a súa faciana internacional. Entre elas e eles, Francisco Javier Rodríguez Rajo lembrou o compromiso da Universidade de Vigo co teatro, neste caso coa Miteu, facendo fincapé en que “o teatro non é un gasto senón un investimento”, pondo de relevo a súa importancia en temas como a educación e a formación en valores.
“Facer da marxe un centro”
Fernando Dacosta, tamén director das aulas teatrais do campus de Ourense, foi o encargado de presentar esta 30 edición. Ao longo destas tres décadas, detallou, a Miteu trouxo a Ourense compañías de 50 países, de todos o continentes (e de todas as provincias españolas e de boa parte de Portugal). Esas compañías, engadiu, moveron a 6000 participantes e as súas actuacións foron vistas por arredor de 170.000 persoas. Neste senso, destacou que moitas destas 6000 persoas chegaron logo a profesionais no mundo do teatro ou do audiovisual, pero fixo fincapé en que a Miteu pretende ser sobre todo "unha escola de público, unha canteira de espectadores e espectadoras”. Foron 30 anos, dixo Fernando Dacosta, de “moitas vivencias, moita aprendizaxe e espectáculos que impactaron” e de traballar polo “ideal tanto das Irmandades da Fala como do grupo Nós de facer da marxe un centro”.
Polo que respecta a esta edición 2025 da Miteu, a programación contará con 19 espectáculos de teatro de sala e de rúa, de música e de danza, complementada con coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición, contado con arredor de 210 participantes. Estarán 13 grupos universitarios (entre eles os de todos os campus galegos) e seis profesionais, con representación de México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial e Gambia, ademais de España. Unha vez máis os temas sociais terán un peso importante nos espectáculos, abordándose neles cuestións como a violencia de xénero, o racismo e a preocupación polo auxe dos extremismos.
Participación das aulas da UVigo
De novo, as diferentes aulas escénicas dos tres campus da Universidade de Vigo, e de xeito especial o campus de Ourense, terán un papel destacado nesta Miteu. O xoves 24, ás 19.00, na Praza de San Martiño, terá lugar o espectáculo Visión panorámica, no que participarán diferentes grupos dos campus de Ourense, concretamente o seu coro, a súa aula de danza, o seu grupo de música tradicional galega e a aula de teatro Rosaura. Xa o venres 25, a Aula Universitaria de Ourense Cordelia representará no Teatro Principal, ás 20.00 h, a súa obra Shock.
O xoves 8, ás 20.00, o Teatro Principal acollerá as 14ª Xornadas de Danza, nas que estarán compañías da Universidade de Santiago de Compostela (Lugo), Universidade da Coruña (A Coruña), Universidade de Vigo (Ourense) e A Casa Vella. O sábado día 10 será, ás 20.00 h no Teatro Principal, a clausura da mostra coa entrega de premios e coa estrea da última produción da Aula Universitaria de Ourense Maricastaña. Trátase da obra Ludovico 2.5. Por último, da Universidade de Vigo tamén actuará o martes 29, ás 20.00 h, a Aula de Teatro de Pontevedra, que representará no Teatro Principal Saxo tenor, e o mércores 30, ás 21.30 h no Liceo, a Aula de Teatro de Vigo, que traerá ao público o seu espectáculo Divinas palabras.
O campus de Ourense acollerá ademais o luns 28, ás 20.30 h, a obra Unha Eva e un Adán, de GrahØjdans (Dinamarca), que terá lugar na antiga capela e será un dos pratos fortes desta edición, xunto con Teatro del Barrio. Ademais, nas instalacións universitaria celebrarase os 3 e 4 de maio o obradoiro da Miteu Creación do Corpo Reflexivo, impartido por Russo Nmandong, de Guinea Ecuatorial.