O centro celebrou un seminario e varias conferencias arredor destas cuestións
Os traballadores migrantes, Oriente Medio e Senusia centran diferentes actividades da Facultade de Relacións Internacionais
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organizou este luns diversas actividades abertas á participación de alumnado e persoas interesadas. Por unha banda, o Arquivo Histórico Provincial acolleu o seu seminario sobre o marco xurídico global para traballadores migrantes e o por outra, o edificio Xurídico-Empresarial foi o lugar elixido para varias conferencias sobre Oriente Medio e Senusia.
Seminario internacional
O seminario Unha ollada crítica ao marco xurídico global para traballadores migrantes reuniu “un grupo internacional de académicos e profesionais para discutir a migración laboral internacional dende unha perspectiva administrativa e internacional privatística, buscando implicar a organizacións internacionais na mellora dos dereitos humanos e laborais dos migrantes”. Sobre a pertinencia desta abordaxe, Laura Carballo, decana-comisaria da facultade e coordinadora deste seminario, sinala que a Axenda para o Desenvolmento Sostible 2030, chama aos estados a “facilitar os fluxos migratorios e a mobilidade das persoas dun xeito ordenado, seguro, regular e responsable, a través da implantación de políticas migratorias planeadas e ben executadas”. Pola contra, engade, os movementos migratorios experimentan moitos retos en distintos frontes.
No evento participaron, de xeito presencial ou virtual, María Olga Alonso e Laura Carballo (Universidade de Vigo); Ugljesa Grusic (University College London); Fabienne Jault-Seseke (Université Paris Saclay); Ulla Liukunen (Universidade de Helsinki); Hans van Loon (Tilburg University, ex-secretario xeral da Conferencia de La Haya de Dereito Internacional Privado); Brooke Marshall (University of Oxford); Gülüm Özçelik (Bilkent University, Turquía); Guillermo Palao Moreno (Universidade de Valencia); Etienne Pataut e Sophie Robin-Olivier (Universidade de Paris I Pantheon-Sorbonne); Verónica Ruiz Abou-Ngim (Universidade de Edimburgo); Marilda Rosado (Universidade do Río de Janeiro) e Yuko Nishiitani (Universidade de Kyoto). A programación mesturou reunións pechadas con sesións abertas ao público. Nelas falouse sobre políticas e normas nacionais e rexionais sobre regras de emigración e inmigración para traballadores transfronteirizos e sobre xurisdición, lei aplicable e recoñecemento e execución de decisións relativas a traballo transfronteirizo.
Conferencias
Tamén este luns a Facultade de Relacións Internacionais celebrou no edificio Xurídico-Empresarial do campus as conferencias Oriente Medio: unha aproximación sociopolítica, impartida por Waleed Saleh Alkhalifa, profesor emérito da Universidad Autónoma de Madrid, e A mirada de Europa sobre Senusia (1860-1930), ofrecida por Souadou Lagdaf, profesora da Universidade de Catania (Italia). O acto estivo organizado por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social da UVigo.
Waleed Saleh Alkhalifa, nado en Irak e formado na Universidade de Bagdad, ten desempeñado o seu labor docente en Irak, Marrocos e España. É autor prolixo tanto de manuais de ensino da lingua árabe como de obras sobre a cultura árabe. Entre elas están Siglo y medio de teatro árabe; El ala radical del islam: el islam político: realidad y ficción; Amor, sexualidad y matrimonio en el islam; Librepensamiento e islam; El islam político: génesis y evolución, e Feminismo e islam: una ecuación imposible. Souadou Lagdaf é profesora titular de historia dos países árabes da Universidade de Catania (Italia). Desde 2024 ten colaborado como membro asociado do Instituto de Estudios Mediterráneos. Os seus ámbitos de investigación inclúen a historia do Sáhara Occidental, a irmandade Senusia en Libia, a antropoloxía social das tradicións e a relixión na sociedade mauritana, así como o xénero e a inmigración. Desde 2022 é parte do Centro de Estudios sobre o Sahara Occidental da Universidade de Santiago de Compostela.