DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove un ciclo de contacontos para público adulto

Retornan os Contos de inverno para pór en valor a literatura de transmisión oral

Coa participación de Carmen Conde, Sole Felloza, Amor Herrera e Cris de Caldas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/11/2024

Pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego e resaltar o papel que xogou na transmisión de tradicións, mitos ou lendas é o obxectivo central de Contos de inverno, o ciclo de contacontos para público adulto que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello, por cuarto ano consecutivo. Con entrada libre ata completar a capacidade da sala, a programación desta edición comprende tres sesións que terán lugar nas tardes dos mércores 12, 20 e 27 de novembro na Casa das Campás e que terán como protagonistas ás narradoras Carmen Conde e Sole Felloza, así como o dúo que integran a contadora Cris de Caldas e a músico Amor Herrera. 

A cuarta edición de Contos de inverno botará a andar o vindeiro mércores 13, ás 20.30 horas, con O que non estaba escrito, de Carmen Conde. Filóloga, dramaturga e directora teatral, Conde é unha das impulsoras da compañía teatral Tarabela Creativa e na súa faceta da narradora oral avoga por contar historias comúns que se converten en extraordinarias, así como pór voz ao longamente silenciado. Unha semana despois, á mesma hora, chegará a quenda de O bar do fondo do mar, un espectáculo da actriz, contadora, fotógrafa, escritora e dramaturga Soledad Felloza. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, Felloza presenta neste espectáculo un conxunto de historias chegadas desde “o faladoiro do bar do fondo do mar”, ata onde chegou seguindo un “vello elegante” cando “camiñaba unha noite pola beira do mar de Brigantes”, segundo recolle o texto de presentación desta proposta. Finalmente, o mércores 27, pechará esta programación En branca e negra, o proxecto impulsado pola músico, cantante e escritora Amor Herrera e a contadora, bibliotecaria e filóloga Cris de Caldas. Combinando elementos da narración oral co teatro e a música en directo, presentarán neste ciclo unha serie de historias que teñen como nexo de unión a emigración. 

Unha cita fixa na programación cultural do campus

Como sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, Contos de inverno insírese nunha “programación cultural dirixida a toda a cidadanía”, da que forman parte un conxunto de propostas “que xa se consideran fixas”, como esta actividade ou o ciclo de concertos Músicas para reCREAr, que o pasado luns pechaba unha nova edición cun concerto da big band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, “no que estaba practicamente cheo o Teatro Principal”. Nese senso, Torres, destaca que o obxectivo é “xerar unha estrutura” arredor da área de cultura do campus, con iniciativas como as aulas e grupos de música e baile tradicional, a aula de teatro ou o coro, ás que se suman os diferentes ciclos que se van programando ao longo do curso.