Ana Fernández Pulpeiro será proposta polo Reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, como nova xerente da institución académica en sustición de Antón Vidal, que ocupa provisionalmente o cargo trala marcha de Manuel Castro o pasado mes de abril. A designación da persoa que se encargará da Xerencia ten, como afirma o Reitor "unha tramitación longa xa que ten que ser primeiro aprobada polo Consello de Goberno e a continuación sometida ao Consello Social". A proposta para designar a Ana Fernández Pulpeiro xerente da Universidade de Vigo será trasladada, o vindeiro día 18 de decembro, polo Reitor ao Consello de Goberno. Unha semana máis tarde, concretamento o día 27, será o Consello Social o que aborde a proposta.
Fernández Pulpeiro que actualmente desempeña o cargo de directora xeral de Recursos Económicos do SERGAS, exercera desde o ano 2002 na Universidade de Vigo, como directora da Área de Calidade.
22/11/2007