UVigo e Deputación de Ourense renovan a súa colaboración anual cun investimento de 300.000 euros
A través de dous convenios asinados estes xoves por Manuel Reigosa e Luis Menor
Destinados a actividades de cultura, educación, deporte e captación de alumnado
A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense asinaron este xoves os seus convenios de colaboración anuais, dotados en total polo órgano provincial con 300.000 euros. Ao seu abeiro financiarase o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, educativa e deportiva e á promoción do campus de Ourense, con especial atención aos seus estudos de Turismo.
Tras a sinatura no pazo provincial, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, agradeceu á Deputación de Ourense a renovación destes convenios que, apuntou, “van a ser moi positivos para o desenvolvemento das nosas actividades”. Así, subliñou que esta colaboración é “para a Universidade de Vigo e para o campus de Ourense de enorme importancia” non só pola “xenerosidade das achegas” económicas que supón senón tamén por que moitas das accións incluídas dentro de cada un dos convenios son “moi importantes para nós” e tamén “para a cidade e para a provincia” de Ourense.
Do mesmo xeito, Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, amosou a súa satisfacción pola renovación desta colaboración. Así, subliñou que entre as dúas entidades existe “unha relación extraordinariamente fluída” na que “temos clara a necesidade de colaboración” desde “a lealdade e os obxectivos compartidos”. O responsable provincial agradeceu e felicitou á UVigo por facer do campus de Ourense un “motor económico” para a provincia, ademais de motor de coñecemento e de divulgación científica. “Non podiamos ter mellor compañeiro de viaxe, de obxectivos, que a Universidade”, dixo, pondo en valor o feito “absolutamente excepcional” de que en tempos de crise demográfica o campus de Ourense siga a medrar.
Difusión cultural, deportiva e educativa
Dos dous convenios asinados este xoves, o de máis envergadura é o destinado á “promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte, a desenvolver no campus de Ourense ou no ámbito territorial da provincia de Ourense e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia”. Está dotado pola Deputación Provincial de Ourense cunha contía máxima de 220.000 euros, IVE incluído, e está destinado a sufragar os gastos que se deriven da súa colaboración en actividades e programas neste eido que desenvolva a Vicerreitoría do Campus de Ourense ao longo deste ano 2024.
Entre esta programación están cursos e obradoiros de extensión universitaria, exposicións, rutas culturais, actividades de formación teatral e a mostra de teatro universitario Miteu, programación do coro universitario, a celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Rosalía e outras accións de carácter cultural. Igualmente abrangue un programa de axudas complementarias para o alumnado do campus de Ourense que participa no programa Erasmus; bolsas para o estudantado do rural ourensán; a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus Inou e o Curso Avanzado de Posgrao Didáctica da Ficción e Creación Literaria.
Atracción de talento e formación en turismo
O segundo dos convenio está destinado á “promoción e o fomento de actuacións relativas aos estudos universitarios no campus de Ourense, con especial referencia aos estudos en Turismo”. Dotado con 80.000 euros, inclúe actividades para potenciar na provincia o turismo, asociado ao termalismo e ao reto demográfico, e a realización dunha campaña de publicidade para atraer alumnado ao campus de Ourense. Neste senso, o reitor destacou que o de Ourense é case o único campus galego que nos últimos anos medrou tanto en número de alumnado como de titulacións, apuntando que estas axudas “vannos permitir facer aínda mellor ese traballo de captación de talento e estudantado”. No contexto de promoción do campus puxo o aceno no seu Grao de Turismo, que, apuntou, “é unha titulación moi importante que queremos espallar” compartindo coa Deputación de Ourense “a visión de que o turismo ten que ser un elemento tractor de toda a provincia”. Así, Luis Menor recalcou que se trata dun “sector estratéxico” onde “hai moito por facer e moitísimas posibilidades” polo que destacou a importancia de reforzalo neste caso desde o ámbito da formación.