DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizan, xunto coa Fundación Denis Suárez, o I Torneo Unigal 2025

As tres universidades galegas embárcanse na promoción do pickleball

A proba no campus de Vigo será este xoves e venres, 27 e 28, no pavillón universitario

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 25/02/2025

O pickleball é unha modalidade deportiva de raqueta que combina elementos do tenis, pádel, bádminton e tenis de mesa. Cada vez máis popular, sobre todo nos EEUU, as tres universidade galegas embárcanse na súa promoción da man da Fundación Denis Suárez. Este martes, as catro entidades presentaron no campus de Vigo o I Torneo Promoción de Pickleball Unigal 2025, que arrancará esta mesma semana precisamente no campus olívico.

O pickleball pódese xogar de xeito individual ou por parellas e practícase nunha pista das mesmas medidas ca do bádminton. O éxito deste deporte, que nace na década de 1960 en EEUU como actividade para nenos e nenas, reside en que se trata dunha modalidade fácil de aprender e moi entretida, que se adapta ao nivel de cada xogador e, polo tanto, pode ser xogada por persoas de diferentes idades e condicións.

No acto de presentación participaron Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; Daniel Benavides, xefe de Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra; Manuel Francisco Moya García, coordinador da Área de Deportes UDC; Gonzalo Brenlla Blanco, subdirector da Área Deportiva da USC; José Mosquera, presidente da Federación Galega de Tenis; Fabián Núñez, responsable da organización deportiva (TE-MA); e Loli Garrido, xerente da Fundación Denis Suárez.

A vicerreitora subliñou a importancia de que as tres universidades cooperen no impulso do deporte universitario e fomenten os valores que teñen en común, tamén coa Fundación Denis Suárez, coa que a UVigo mantén un convenio de colaboración dende o ano pasado. Todas as partes implicadas amosaron a súa satisfacción por esta iniciativa que permite impulsar un novo deporte, que no caso da UVigo xa está incorporado á oferta de actividades, como aclaraba Reboreda.

Un deporte cómodo e moi social 

Fabián Núñez, fundador da empresa TE-MA, organizadora do evento, detallaba que aínda que o pickleball é un deporte pouco coñecido España, conta co respaldo da Federación Galega de Tenis, que o incorporou aos seus Estatutos o pasado venres. Precisamente, o seu presidente, José Mosquera, lembraba que este deporte recibe o seu nome dun dos cans da familia do seu inventor, chamado Pickle, e pode definirse como unha especie de “tenis de mesa no chan con remate e volea do tenis” pero cunha pala e unha pelota “un pouco máis grandes cas do tenis de mesa”. Ademais, segundo o responsable de TE-MA, é un deporte “moi cómodo que se pode practicar en case calquera sitio e de forma dinámica e sociable” e que ademais non require destreza nin coñecementos previos e se aprende con moita facilidade.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Denis Suárez subliñaba que máis aló do aspecto deportivo que ten este tour, o obxectivo é “aproveitar a vertente educativa que teñen estas actividades para promocionar outros valores que compartimos coas tres universidades galegas”. Neste sentido, Daniel Benavides, xefe de Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, remarcaba “a importancia de unir as tres universidades” e de promocionar o deporte universitario, “que é unha materia pendente” na que cómpre seguir avanzando “porque o deporte nos une”.

O torneo, nos sete campus entre marzo e maio

O torneo presentado este martes desenvolverase nos sete campus galego entre esta mesma semana e comezos do mes de maio, con sete probas independentes entre si. Están previstas dúas categorías que se disputarán por parellas: a absoluta, para calquera nivel e idade, e veteranos, para maiores de 35 anos. Cada parella poderá inscribirse en máis dunha categoría e en tantas sedes como queiran. O tour está aberto prioritariamente á comunidade universitaria, pero tamén se poden inscribir alumnis e, de quedar prazas, calquera outra persoa allea ás universidades.

No referido ao material, a organización disporá de pas e pelotas para prestar durante os encontros e actividades. 

Datas do torneo

O torneo arranca esta mesma semana no campus Vigo, con partidos os días 27 de 28 de febreiro no pavillón universitario en horario de mañá e tarde, dende as 10.00 da mañá. Despois do entroido retomarase a competición en Ourense os días 13 e 14 marzo, en Pontevedra o 25 e 26 do mesmo mes, en Santiago o 1 e 2 de abril, en A Coruña a semana seguinte, 7 e 8 de abril, en Lugo os días 21e 22 do mesmo mes e rematará en Ferrol os días 5 e 6 de maio.

As inscricións e consultas deben realizarse a través do 613784287 ou no correo electrónico organizacion.tema@gmail.com e estarán abertas para cada unha das sedes de xeito independente e ata o día antes de cada proba. A participación é de balde.