DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total, a UVigo entregará premios por valor de 7700 euros entre as catro categorías

Últimos días para presentarse aos concursos de Creación audiovisual, Fotografía, Pintura e Maquetas de música

As propostas poden presentarse ata o vindeiro 30 de xullo

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 24/07/2024

Os membros da comunidade universitaria interesados en participar nos concursos de Creación audiovisual, Fotografía, Pintura e Maquetas de música teñen ata o día 30 de xullo para presentar as súas propostas. A convocatoria comprende o XXI Premio de creación audiovisual, o XX Certame de fotografía, o XXI Premio de pintura e o XXI Premio de maquetas de música. Todos eles están abertos á participación de todos os colectivos da comunidade universitaria, o único requisito é propoñer ideas creativas e traballos orixinais que non fose premiados en ningún outro concurso ou festival.

Catro categorías

Os concursos de creación artística da UVigo comprende cada no catro categorías, coas súas conseguintes modalidades. No caso do Premio de Creación audiovisual convócanse tres modalidades: curta narrativa, non ficción e vídeo experimental e cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, sen que estas poidan exceder os 15 minutos de duración. En cada modalidade outorgarase un primeiro premio de 700 euros e un segundo cunha dotación de 400 euros.  

O premio de pintura contempla unha modalidade única. A técnica será libre, sempre e cando estea garantida a súa estabilidade, e o tamaño non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións. Cada participante só pode presentar unha obra, orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso. Neste caso outorgarase un primeiro premio de 1000 euros e un segundo de 600 €. Os traballos premiados pasarán a formar parte da colección artística da Universidade de Vigo. 

O Certame de fotografía cumpre este ano dúas décadas de historia, e segue a contar dun dúas modalidades: serie (de tres, catro ou cinco fotografías) e fotografía única. Repartirase un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 na categoría de serie, e un primeiro de 400 euros e un segundo de 200 en fotografía única. Os traballos deberán presentarse neste caso en formato JPG en tamaño de impresión de 240 px por polgada, cun tamaño máximo de 15 MB por cada fotografía e usando formato zip para a súa compresión (modalidade serie). 

Ao certame de Maquetas de música poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñente polo menos dous membros da comunidade ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes. Non poderán concorrer ao concurso aqueles que teñan editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade.

Nesta modalidade entregarase un primeiro premio que ascende a 850 euros e un segundo a 450 euros. A UVigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras ou promover actuacións destes artistas, que, ao mesmo tempo, poderán tamén promocionar estas pezas pola súa conta, sempre e cando mencionen o premio.