Interrómpese a actividade docente e tamén laboral dende o día 12 ao 20 ambos incluídos
A Universidade pecha as súas instalacións durante toda a Semana Santa
Como vén sucedendo dende o ano 2021, a Universidade de Vigo pecha todos os seus centros, dependencias e instalacións durante o período non lectivo de Semana Santa. É dicir, a institución académica suspende a súa actividade non só docente, senón tamén laboral, entre o 12 e o 20 de abril, ambos incluídos.
Esta medida está recollida na instrución da Xerencia 2/2025 do 9 de abril, na que se detalla que os 14, 15 e 16 de abril teñen consideración de vacacións de Semana Santa e, a tal efecto, “todos os centros, instalacións de dependencias da Universidade de Vigo, incluíndo os respectivos servizos, áreas e unidades de xestión permanecerán pechados”. A actividade laboral regresará á institución o día 21 de abril e a académica o 22.
Servizos esenciais operativos
Durante este período de vacacións de Semana Santa e atendendo a informes emitidos por persoas responsables dos centros, instalacións de dependencias, permanecerán operativos unha serie de unidades e áreas concretas, con efectivos necesarios para a prestación de servizos esencias. En concreto, a instrución recolle que no CACTI traballarán tres técnicos das unidades de Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica; de Microscopía Electrónica e de Nanotecnoloxía e Análise de Superficies; no CINBIO-Animalario, un técnico especialista; e no CIM, un técnico da Área de Calidade Ambiental e Histoloxía e outro da Área de Cultivos Mariños. Ademais, na Área de Tecnoloxías da Información e Comunicación, ATIC permanecerá operativo un técnico ou técnica da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo I para o control e mantemento da rede corporativa e servizos dependentes; un técnico da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo I para o control e mantemento do aloxamento de portal web, correo electrónico e servizos dependentes e un técnico da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo III do SAUM, para a atención de incidencias que poidan xurdir dos servizos anteriores.
Acceso a dependencias durante o período de peche
O persoal que precise acceder aos centros, instalacións e dependencias da Universidade de Vigo durante o período de peche, por mor das súas actividades e contando con autorización do responsable correspondente, poderá facelo de dous xeitos. As e os traballadores que conten con tarxeta de acceso debidamente autorizada, empregarán este mecanismo; quen non conta con este medio deberá chamar ao centro de control do servizo de vixilancia (teléfono: 618873387) e será un vixiante do servizo quen, logo da identificación e comprobación oportunas, habilitará a entrada.