A mostra celébrase este mércores e xoves en Expourense
A UVigo amosa na 1ª Feira Educativa a súa oferta formativa e investigadora
Participan 15 facultades e escolas e o Campus Auga
Expourense acolle este mércores e xoves a celebración da 1ª Feira Educativa. Espazo de Innovación e Colaboración Educativa, organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense para promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe colaborativa e o fortalecemento das relacións entre os distintos niveis e axentes educativos. Entre as entidades participantes está a Universidade de Vigo. A institución académica conta cun posto no que presenta ao público toda a súa oferta educativa e servizos. Ademais, teñen espazo propio o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e 15 facultades e escolas dos tres campus da UVigo: Ourense, Pontevedra e Vigo. Neles, persoal de cada un dos centros atende aos diferentes membros da comunidade educativa que visitan a feira, desde nenas e nenos e adolescentes ata profesorado e responsables de centros de ensino, en función dos seus intereses e inquedanzas.