No campus de Ourense este martes e en Vilagarcía de Arousa o xoves
A UVigo ergue esta semana o pano dos Campionatos Galegos Universitarios coas probas de natación e vela
600 estudantes do SUG competirán ata finais de marzo en nove disciplinas
A 27ª edición dos Campionatos Galegos Universitarios arrancará este martes 25 de febreiro no campus de Ourense coa celebración das probas de natación, nas que participarán uns 70 deportistas en representación das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Dous días máis tarde as competicións trasladaranse a Vilagarcía de Arousa, onde se desenvolverán os campionatos de vela nas instalacións do Centro Galego de Vela. Entre as e os participantes nos campionatos de natación deste martes destaca a presenza dos deportistas da UVigo: Mateo García, internacional con España en Augas Abertas, medallista nacional e plusmarquista galego; Eva Feijóo, velocista ourensá do grupo de adestramento no Centro de Tecnificación de Pontevedra; Sofía Carballo, plusmarquista galega en piscina olímpica na braza e Naiara Eijo, Carla Faro e Antón Ares, con marcas mínimas para participar nos campionatos de España. No caso da USC e UDC, destacan, no caso da primeira, a presenza de Manuel Pérez, medallista nacional e varios fixos nas citas nacionais como: Odei Arias, Carmen Blanco ou Alexia Camba, mentres que por parte da institución coruñesa participarán Mario Maneiros ou Javier Pontón, en homes e Julia Rodríguez en mulleres.
Tras estas dúas probas que organiza a UVigo, será a quenda para a USC, encargada do campionato de orientación que se desenvolverá no Monte Gaiás e na Cidade da Cultura o 25 e marzo. Pola súa banda, a UDC, que se ocupa este ano dos deportes colectivos (fútbol, fútbol sala, rugby, baloncesto, voleibol e balonmán), acollerá os diferentes campionatos no campus de Elviña, na Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física en Oleiros e nos campos de San Pedro de Visma, os días 12 e 13 de marzo.
Co obxectivo de promover o deporte universitario, a convivencia e a competición saudable entre a comunidade universitaria, os Campionatos Galegos Universitarios volven concentrar o maior número de participantes nos deportes colectivos, con preto de 500, un 50% mulleres e un 50% homes; seguidos da natación con 70, vela con 40 e orientación con 47.
A Secretaría Xeral para o Deporte estréase como patrocinador
Por vez primeira na súa historia os Campionatos Galegos Universitarios, nos que este ano participarán uns 600 deportistas, en categorías masculina, feminina e mixta, contan co patrocinio da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, unha circunstancia, que en opinión da vicerreitora de Extensión da UVigo, Susana Reboreda, fai que “comece unha nova etapa moi relevante, porque eu sempre pensei que neste proxecto común das tras universidades tiña que participar a Xunta apoiando o deporte”. Logo dun proceso longo, as institucións académicas e a Secretaría Xeral para o Deporte acordaron que este organismo asinará un convenio, que non só incluirá accións dirixidas ao campionatos galegos, “senón tamén á promoción do deporte nas universidades, con especial interese polos e polas deportistas de elite e o fomento da actividade física, e para o que haberá acordos individuais con cada universidade”, explica a vicerreitora de Extensión Universitaria.
Á espera de que se materialice ese convenio marco e os específicos, para esta edición dos campionatos a Xunta participa cun patrocinio polo que outorga 15.000 euros de axuda, dos que a UDC recibe o 50% ao ser a institución que máis probas celebra, mentres que Vigo e USC perciben un 25% cada unha.
Máis colaboración coas federacións
O acordo acadado coa Xunta, escenificado a semana pasada nun acto presidido polo secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, vén acompañado dun maior entendemento entre as universidades e as federacións de deporte galegas, que tamén tomaron parte nesa xuntanza. “Foi moi importante, porque nós tiñamos outro obxectivo conxunto. As universidades estamos a facer convenios individuais, por exemplo a UVigo ten un acordo coa federación de baloncesto e estamos traballando noutro coa de natación, pero a idea é formalizar un acordo conxunto coas tres universidades e aí imos traballar”, explica Susana Reboreda.