Seleccionáronse 712 mozos e mozas que realizarán estancias en diferentes países da UE
Preto de mil estudantes solicitan formar parte do programa Erasmus o vindeiro curso
A ORI ponos ao día esta semana sobre os pasos que deben dar antes de partir
Para polos ao día sobre os pasos que deben seguir antes da partida, a Oficina de Relacións Internacionais realiza esta semana unha rolda de charlas informativas sobre os pasos que deben seguir antes de partir. A cita reuniu hoxe en Vigo a máis de 400 estudantes que escoitaron numerosos consellos sobre a busca de aloxamento, como realizar o contrato de estudantes por Internet, cando comezar a tramitar o visado ou como solicitar tarxeta sanitaria europea, por citar algún exemplo. Mañá martes o encontro será cos estudantes do campus de Pontevedra e o mércores cos de Ourense.
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, cualificou estas cifras como “extraordinarias”, se ben engadiu que sempre se dá unha pequena porcentaxe de alumnado que por diferentes circunstancias renuncia a súa praza, e fixo fincapé en que estes datos consolidan á Universidade de Vigo coma un referente no eido da mobilidade internacional de estudantes.
98% de éxito nas axudas complementarias da Xunta
Para os que están este curso fóra, a Xunta de Galicia concedeu na Universidade de Vigo 522 axudas complementarias a este programa, o que supón unha taxa de éxito de case o 98%, o que sitúa un ano máis a Vigo como a universidade galega que máis estudantes move a nivel internacional.En total beneficiaranse das axudas, ás que o executivo galego destina un total de 1.100.000 euros, 283 alumnas e 239 alumnos da Universidade que están ou estiveron no estranxeiro e que recibirán unhas achegas económicas que, en función da súa nota media, van dende un mínimo de 200 euros ata un máximo de 2450, se ben a contía media acostuma situarse entre os 700 e os 800 euros. Estas axudas súmanse ás que reciben procedentes dos fondos da Unión Europea para o programa Erasmus, que se sitúan en torno aos 160 euros mensuais; ás da propia Universidade, unha contía única que, segundo o país de destino, oscila entre os 77 e os 400 euros, e as do Ministerio de Educación, unha bolsa de 190 euros para todos os participantes e 420 adicionais para os que sexan bolseiros.
No caso do alumnado da Universidade de Vigo, preto do 39% destas axudas irán destinadas para mozos e mozas que están a cursar estudos no ámbito das ciencias sociais e xurídicas e o 32% son estudantes das diferentes escolas de enxeñaría da institución. De xeito menos numeroso, pero tamén importante, cómpre destacar o alumnado de artes e humanidades que nesta ocasión alcanza o 21,5% de participación, seguido do científico que se sitúa en torno ao 7% cun total de 39 estudantes beneficiados.
Unha tendencia que gana adeptos cada curso
Dos 164 estudantes da Universidade enviados ao estranxeiro no curso 1998/1999, pasouse a unha cifra que alcanza este curso os 533. Esta tendencia foi algo gradual nos últimos cursos e, ano a ano, as cifras fóronse incrementando:196 no 99/00, 214 no 00/01, 221 no 01/02, 253 no 02/03, 319 no 03/04, 363 no 04/05, 431 no 05/06, 549 no 06/07, 536 no 07/08, 528 no 08/09 e 533 no actual curso.A tendencia mantense curso tras curso e Italia consolídase coma o destino favorito dos galegos, de feito foi o destino que elixiron 366 dos estudantes que partiron de Galicia cara ao resto de Europa para ampliar alí os seus coñecementos, máis de 100 procedentes das aulas de Vigo, Ourense e Pontevedra. Outro clásico é o país veciño, Portugal con 168, Francia con 139 e Alemaña con 116.
Iván Area destaca “o valor dos programas de mobilidade”
O vicerreitor lembrou que ademais do programa Erasmus o alumnado ten á súa disposición outras opcións que tamén son de interese. Como exemplo, apuntou que trala recente visita á Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing, a primeira institución de China especializada no estudo de idiomas estranxeiros, o número de solicitudes para participar no intercambio de estudantes entre ambas institucións supera xa o número de prazas ofertadas.Ao abeiro destes datos, Area engadiu que “mentres ultimamente escoitamos discursos xenófobos, como puideron ser os dos dirixentes do PP en Catalunya, desde a institución académica insistimos no valor dos programas de mobilidade para comprender outras culturas e valorar máis a propia”.