Xosé Manuel Beiras falou deste xénero literario nas II Xeiras sobre a lingua galega:
“O ensaio foi o último xénero en normalizarse nunha lingua que non está normalizada”
Referiuse á falta de institucións propias como unha das causas da negación da identidade lingüística
O ensaio foi o xénero literario que máis tempo tardou en normalizar a súa produción en galego, en encontrar acubillo na escrita na lingua propia pero por uns motivos concretos nos que, Xosé Manuel Beiras, en calidade de ensaísta, afondou a través dun percorrido pola situación da lingua escrita en Galicia.
Na súa intervención na terceira xornada das II Xeiras sobre a lingua, Beiras explicou que o galego foi tradicionalmente afastado da escrita e tardou séculos en volver ao papel, primeiro a través da poesía, logo da prosa narrativa e, moito máis tarde, “accede á forma de expresión do pensamento e do coñecemento, o ensaio e a literatura científica”. Pero esta evolución dura séculos, dende o XV “cando comeza o exilio interior dunha lingua amordazada” ata a actualidade, no que a normalización é, cando menos, relativa. E é que Beiras puntualiza que “o ensaio constitúe un xénero normalizado con respecto aos outros xéneros” pero incide en que a situación lingüística do galego non está normalizada. Por este motivo, o catedrático de economía da USC, salienta a importancia de que sexa a sociedade, “o pobo, a mocidade, a que organice este tipo de actividades e tome a iniciativa, neste caso os Comités”, sindicato organizador destas xornadas sobre o panorama lingüístico galego.
Segundo Xosé Manuel Beiras, esta iniciativa civil é precisa pola falta de implicación das institucións, que “seguen actuando como institucións coloniais” e ese é un dos motivos da falta de normalización do galego. Na súa opinión, os que agora ocupan algúns dos cargos “do que deberían ser institucións de autogoberno” son “verdadeiras brigadas de demolición e limpeza étnica” e compara a situación actual coa que na Idade Media fixo desaparecer o galego da escrita. Agora “estamos a sufrir arremetidas de asedio e tentativas de exterminio nun recrudecemento da negación da identidade lingüística e cultural do país”.
Séculos para recuperar o perdido
Dende a Idade Media ata o século XIX, o galego desapareceu case totalmente do que non era cultura oral, polo que nos seguintes centos de anos só quedou recuperar o espazo perdido e, nese camiño, o ensaio foi o último xénero literario en facelo. Ante instancias e institucións que non fixeron nada por recuperalo -entre elas referiuse á universidade galega da que destacou contadas excepcións como Manuel Colmeiro e Alfredo Brañas- foi a cidadanía a que enxendra o idioma. “No rexurdimento do século XIX a recuperación da escrita en galego comeza coa poesía e sigue coa prosa narrativa pero só moito máis tarde” chega ao ensaio. Un ensario que para o catedrático é importante porque rompa as barreiras de temor a expresar o pensamento e o coñecemento no idioma propio e "porque é un laboratorio de recreación do propio idioma, máis aló do uso ordinario da lingua".Os primeiro ensaios sobre a realidade galega, en castelán
Con todo, os primeiros ensaios sobre a realidade e o pensamento galego foron escritos en castelán a pesar de estar, como no caso de Murguía, “cargados de conciencia nacionalista”. Segundo explica Beiras, isto era así en boa medida pola “necesidade de penetrar en espazos cultos da sociedade nos que nos se manexaba o galego”. Na súa opinión, os autores podían optar por escribir en galego e que non se difundise a súa mensaxe ou facelo en castelán e conseguir filtrar un pensamento galego que non sería escoitado doutro xeito. Así, publicáronse a finais do século XIX e durante boa parte do XX moitos tratados sobre historia de Galicia, economía e mesmo sobre lingua galega en castelán. Pero na actualidade, esa postura segue vixente, dende o punto de vista de Beiras, en xéneros como o xornalístico, no que “perdura o cliché de expresarse en castelán porque en galego moitos dos lectores non nos lerían”.O salto definitivo, a partir da década de 1950
Aínda que destaca o importante traballo na primeira parte do século XX das Irmandades da Fala e da Xeración Nós, o salto definitivo para a normalización do ensaio en galego dáse a partir de 1950 e Beiras sinala como un dos puntos de inflexión a aparición da editorial Galaxia “na que se comeza a publicar ensaio en galego sobre temáticas diversas” pero destaca tamén a achega importante que supón a posterior aparición, tras loitar contra a censura, de revistas periódicas e cadernos monográficos, como Grial. Xa a partir dos anos 70, se pode comezar a falar dun xénero normalizado coa entrada das ciencias sociais e a lingüística e sociolingüística como temas de ensaios.Na que se refire á actualidade, Beiras explica que a situación do xénero ensaístico “non só é equiparable en calidade ao dalgunhas culturas normalizadas, senón que en algúns aspectos está por riba” e achácao á urxencias das condicións, “á patoloxía económica, cultural, lingüística e social que temos” polo que ten necesidade de ser un ensaio máis profundo e incisivo, conclúe.
Derradeira xornada
A derradeira xornada das II Xeiras sobre a lingua galega traerá ao campus ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, para falar da problemática do borrador do decreto do Plurilingüísmo. Tras el e partir das 11.15 da mañá desenvolverase unha mesa redonda sobre a situación actual do galego na que intervirán Bieito Lobeira, voceiro de lingua do BNG, Francisco Cerviño, voceiro de lingua do PSdG-PSOE e Román Rodríguez, voceiro de educación do PPdG.As xornadas serán clausuradas ás 13.15 horas da man do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area e o responsable dos Comités en Vigo, Iago Varela.