A festa do cinema galego e portugués celebrase do 16 ao 19 de xullo

Filminho presenta aos estudantes de CCSS e da Comunicación a súa programación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 12/05/2009

A un lado, Vila Nova de Cerdeira, ao outro, Tomiño. A fronteira pode ser un lugar onde as cousas acaban, ou pode o sitio onde comezan. Esta segunda opción semella ser o caso de Filminho, a festa do cinema galego e portugués que este martes foi presentada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nunha rolda que o festival fará nos próximos días polas facultades de comunicación de Galicia para achegarse aos seus estudantes.
O director do Filminho, André Martins; o membro do equipo de programación, Xurxo González; e o responsable de comunicación, Luís Cividanes, foron os encargados de presentar unha cita que pretende que a edición de 2009 sexa a da súa consolidación. Para facelo, a organización deu “unha viraxe” ao seu programa, que se desenvolverá entre o 16 e o 19 de xullo, “para amosar claramente todas as potencialidades do festival e a necesidade de que o audiovisual galego e portugués, así como o cine transfronteirizo, teñan unha representación”, aseguraron.
Desta vez, as seccións verán reducido o seu número e as sesións simultáneas serán eliminadas “co obxectivo de darlle a máxima atención a cada filme”. É por iso que os dous grandes espazos de exhibición sobre os que orbitará o Filminho quedarán reducidos ao auditorio de Goián e ao de Cerveira. Grande Premio e Cinema Minhoto son as dúas seccións competitivas do festival. O primeiro, atribuído ao mellor filme de produción galega e/ou portuguesa e Cinema Minhoto, orientada aos filmes realizados con referencias á rexión, admitindo calquera xénero ou duración. O prazo para a inscrición nas seccións competitivas pecharase o vindeiro 30 de maio.
A programación do evento contará cunha retrospectiva dedicado ao realizador portugués Edgar Pêra e tamén se ofrecerán espectáculos transdisciplinares, algúns deles creados especificamente para o festival.

Promoción das coproducións

Filminho, que ten a súa orixe no proxecto piloto Curtas Minhotas, terá un aloxamento especial para os seus convidados na Estalagem Boega, onde terá lugar un encontro de produtoras galegas e portuguesas, con conferencias e grupos de traballo para intentar promover as coproducións.