Jaume Vidiella, especialista en tendencias e primeiro convidado dos "Xoves de Moda"
"Trala experimentación con liñas, formas e cores das últimas décadas agora o que importa é o estilismo, a combinación de prendas e os accesorios"
Cunha reflexión sobre o proceso creativo no deseño de moda e un acercamento ás últimas tendencias estilísticas, o coolhunter Jaume Vidiella abriu onte a edición 2009 dos Xoves de Moda, o ciclo de relatorios organizado por Esdemga. Vidiella, que foi presentado pola directora da escola, Lola Dopico, afirmou que “a moda e a música sempre foron da man” e que actualmente “non importa tanto a moda como o estilismo”.
As primeiras consideracións do especialista, que traballa como asesor no Estudio Gloria Jover desenvolvendo proxectos de estilismo para empresas como Parfois, Polopiqué, Armand Basi ou Victorio e Luchino Casa, foron sobre o proceso de creación que, segundo indicou, “está condicionado polo background do deseñador, os seus estudos e experiencias e o clima cultural no que traballa, o zeitgeist”. Estes dous aspectos fan que o deseño de moda, a pesar de ser “un vehículo de expresión das inquedanzas persoais” teña “cada vez un período de consumo máis curto”.
Vidiella tamén explicou os diferentes tipos de públicos cos que o mundo da moda conecta, desde os “intelectuais, que están preparados para interpretar a mensaxe que hai nos deseños” pasando polos socioculturais, “os fashionistas” ou os “de autenticidade caracterizados polas prendas que traspasan temporadas”. Neste sentido tamén sinalou que, na súa opinión, “o prêt-à-porter de luxo é neste momento o espazo máis creativo pola gran diferencia que existe entre as propostas de cada firma”.
Ritmos da moda
Na súa intervención, o primeiro convidado dos Xoves de Moda fixo un percorrido polas últimas décadas nas que “o proceso creativo sempre empregou fontes externas pero variando os temas”. Desde o nacemento da cultura do shopping nos anos sesenta, á influenza das tribos urbanas dos setenta, pasando pola exaltación do poder e a ostentación da década dos oitenta. Como contraposición, os noventa reaccionaron potenciando o minimalismo e o culto á celebridade. A evolución a partir do 2000 está caracterizada “polo zapping creativo no que as imaxes circulan de forma moi rápida”. Neste punto tamén explicou que “a moda cambia cada cinco ou seis anos e a metade de cada década define o seu estilo”. Así as cousas agora, trala experimentación sobre as liñas, formas e colores dos últimos tempos “a moda descansa máis na combinación de prendas e na importancia dos accesorios”.Da rúa á pasarela e viceversa
Vidiella tamén estableceu as conexións entre as propostas presentadas nas pasarelas e a súa tradución na rúa pero tamén o camiño inverso. Sinalou diversos barrios de cidades como Londres, Nova York, París ou Tokio, os chamados hot spots, onde se atopan os modelos máis vangardistas que moitas veces “serven de inspiración os deseñadores” e ao mesmo tempo falou dos "consumidores alfa", individuos ultrainformados e cun look moi persoal e avanzado sempre pendentes das propostas da pasarela. Ao mesmo tempo, o Vidiella tamén apuntou á procedencia da música que máis sona nun determinado momento como “un síntoma do país que dicta a moda”. Así, a pegada nos últimos anos da música sueca explica o boom da marca Acne Jeans e “a potente imaxe que grupos australianos como The Pressets están tendo actualmente” anuncia que este país se converterá nun polo da moda nos vindeiros anos. Non en van, H&M xa lle dedicou un número especial e “isto non é casual”.A artista e ilustradora Silvia Prada será a segunda convidada desta edición. A artista ten publicadas as súas ilustracións en revistas míticas como The Face ou Dazed&Confused. Recentemente inaugurou a súa exposición Art Lab no MOCA de Shangai e vén de publicar The Silvia Prada Art Book.