Na gala de fin de curso do obradoiro do segundo cuadrimestre

Xogos de maxia e trucos de ilusionismo fan as delicias de grandes e pequenos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 16/05/2008

Convertidos en auténticos magos por un día, os alumnos do obradoiro de Maxia e Ilusionismo, que tivo lugar durante o segundo cuadrimestre no campus, celebraron unha gala de fin de curso na que deleitaron ao numeroso público presente cos trucos aprendidos. Os asistentes, que ateigaban a aula multiusos do Edificio de Ferro, deixaron durante máis dunha hora de distinguir a realidade da ficción para volver á nenez e entregarse ao mundo da maxia e da fantasía.
Os 18 discípulos do mago Gusi e do profesor José Rivera, saíron ao escenario dispostos a mostrar un amplo repertorio de trucos. “Intentamos facer un pouco de todo”, comentou Gusi Domarco, “o que sendo tantos e en tan pouco tempo, non foi fácil” dixo.
Dende sinxelos xogos de cartas ata complicados trucos de ilusionismo, pasando por maxia cómica, os alumnos fixeron as delicias de grandes e pequenos. “Entre o público había algún cativo, pero sobre todo, nenos de vinte, trinta e corenta anos entusiasmados coa función” comentou o mago, moi satisfeito co éxito de público da gala. “De feito, a actuación de fin de curso era o obxectivo do obradoiro, que é a primeira vez que se imparte aquí” engadiu.
Ademais do talento dos aprendices de mago, o espazo escollido para presentalo foi un dos grandes acertos. “A aula multiusos está moi ben equipada, de feito traballamos moito cunha cámara e co proxector” explicou, xa que ao ser unha sala tan grande, o público non podía perder detalle do que ocorría no escenario, que aparecía ampliado coma se dun cine se tratase.
En vista do bo da experiencia e dos positivos resultados da enquisa que se lle realizou aos alumnos a posteriori, “parece que a maxia callou no campus, xa que demandan un segundo nivel do obradoiro e máis material para ampliar coñecementos” comentou. Isto deixa patente que “moitos deles non se apuntaron polos créditos de libre elección, senón porque tiñan interese persoal en aprender. Había unha gran demanda dun curso semellante e a acollida foi moi boa” concluíu facendo balance.