Organizadas pola Consellería de Innovación e Industria e as universidades galegas
As redes sociais e a democratización da información centran as xornadas “2.0 A nova ágora galega" que se celebran na ESEI
Concibidas como un espazo de comunicación, reflexión e intercambio de ideas, comezaron no campus as xornadas 2.0 A nova ágora galega que a Consellería de Innovación e Industria pon en marcha coa colaboración das tres universidades galegas co gallo da celebración o 17 de maio do Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Enmarcadas na campaña Máis Internet, máis galego, máis futuro, as xornadas foron inauguradas pola directora xeral de Promoción Industrial, Helena Veiguela, o vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Manuel Sánchez e o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Enrique Barreiro, en presenza dun numeroso público entre o que se atopaban o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, o subdelegado do goberno en Ourense, Camilo Ocampo e o delegado provincial da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón.
“Dende que os gregos empregaron as súas ágoras para debater, as sociedades teñen evolucionado na súa interactividade e participación pública” explicou Helena Veiguela. Internet, que comezou sendo un entorno de busca e utilización individual de información, que ameazaba con illar ás persoas, “ofrece agora un amplo abano de posibilidades que fan posibles as novas tecnoloxías, entre as que se atopan as ferramentas web 2.0” comentou. Este tipo de instrumentos permitiron que o usuario evolucionara de ser un simple consumidor de información creada por especialistas, a un xerador de contidos e, ademais, que grazas a iso poida crear redes sociais. Pero a web 2.0 máis que unha tecnoloxía é unha actitude, “unha actitude de colaboración e de interación entre usuarios” dixo, o que fai posible que se publiquen contidos construídos por grupos de persoas, compartindo recursos de servidor e enormes cantidades se software libre. “É, en definitiva, un xeito de entender e traballar no social, do que os blogs e as wikis son un bo exemplo” dixo a directora xeral, que invitou aos participantes a construír “a nova ágora galega”.
Pola súa banda, o vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Manuel Sánchez, agradeceu a Helena Veiguela, as iniciativas promovidas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información grazas ás que “se dotou ás universidades galegas dun parque informático e dun nivel de implantación de novas tecnoloxías bastante importante en relación co resto de universidades de España” dixo. Ademais, aproveitou a súa intervención para felicitar ao vicerreitor do campus e ao director da ESEI pola elección do tema xa que aínda que as xornadas se enmarquen nun ámbito informático, o gran mérito da web 2.0 é a socialización da información “que xa non é patrimonio dos especialistas, senón de toda a masa social que, sen entender o seu funcionamento interno, fana funcionar por fóra” sinalou.
Situar a ESEI no mapa
Enrique Barreiro, agradeceu á Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade de Información que encargase a organización destas xornadas á Universidade de Vigo, e ao vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade que pensase na ESEI para acollelas xa que “para un centro como o noso, nun campus periférico, dunha provincia cunha poboación en retroceso, con competencia directa nas outras dúas universidades galegas, é imprescindible estar continuamente póndonos no mapa” explicou. A celebración das xornadas é, por tanto, unha oportunidade para posicionarse no mapa das titulacións galegas, e no das TIC “co noso xeito de facer as cousas, enviando ao mercado laboral unha mocidade cunha boa formación, preparada para afrontar as necesidades das empresas” dixo.Pero como a visibilidade hai que gañala continuamente por medio da innovación, a ESEI conta con múltiples colaboracións con empresas e institucións para a posta en marcha de proxectos, “ e estamos facendo un gran esforzo por adaptarnos ao EEES con todas as garantías, ademais de que imos poñer en marcha o curso que vén o máster Consultoría de Software Libre, que financiará, entre outros, a propia Dirección Xeral de Promoción Industrial”, comentou.
Ferramentas web 2.0 a disposición dos participantes
Se algo caracteriza á web 2.0 é que xera unha inmensa cantidade de aplicacións que permiten que o usuario de Internet deixe de ser un mero consumidor de información, para converterse nun xerador de contidos, sen necesidade de ter coñecementos técnicos especiais. Nunha xornada como esta, non podían faltar ferramentas deste tipo para que o público participe directamente, polo que dende a organización habilitaron tres sistemas. Por un lado, un blog, para facer preguntas aos asistentes e que os moderadores empregarán á hora de dirixir os debates. Por outro, un segundo blog para que o público realice os seus comentarios e faga as súas reflexións tanto durante a xornada como a posteriori, e finalmente un microblog en Twitter, para os amantes deste pequeno formato. Todos estes sistemas están dispoñibles no apartado blog da web das xornadas.