A Oficina de Voluntariado e Integración quixo recoñecer así o seu traballo

Jacobo Rey, o primeiro traballador con Síndrome de Down do campus, recolle o seu diploma acreditativo

Realizou prácticas como auxiliar de conserxería no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 13/05/2008

Como calquera outro bolseiro ao terminar as prácticas, Jacobo Rey, a primeira persoa con Síndrome de Down que desenvolveu unha tarefa profesional no campus, recolleu o seu certificado acreditativo. Con nostalxia da conserxería do Edificio de Ferro, onde durante cinco meses desempeñou labores auxiliares, Jacobo non marchou moi lonxe. Actualmente segue a traballar na Universidade de Vigo, concretamente no pavillón de deportes, aínda que xa cun contrato laboral.
“O que máis boto de menos é aos meus compañeiros” comentou ante todos eles, que tamén recibiron un diploma co que a Oficina de Voluntariado e Integración, coordinadora do proxecto, quixo recoñecerlles o seu esforzo. Juan José Lorenzo, Óscar Álvarez e Raquel Rey foron os verdadeiros artífices de que a iniciativa resultase todo un éxito e de que a Jacobo non lle custara nada adaptarse. “Tivo moita axuda por parte dos que traballabamos con el, pero ademais toda a comunidade universitaria se implicou en que desenvolvera tarefas axeitadas” comentou Raquel Rey, a súa titora en conserxería. A experiencia “foi moi bonita e gratificante para todos, e tanto o alumnado como os docentes portáronse dun xeito excelente, con cariño, paciencia e sen amosar sorpresa por encontralo entre nós” engadiu, ao tempo que puntualizou que “estivo en todo momento moi integrado”. A mellor proba da boa acollida que tivo está no propio Jacobo que definiu os cinco meses que pasou no Edificio de Ferro como “moi bos, o ambiente de traballo era excelente e sentín que podía aportar cousas” dixo mentres ensinaba a todos os presentes a fotografía que fai de fondo de pantalla no seu móbil, onde aparece xunto á súa titora, Raquel.

Valoración positiva dende Down Ourense

A preparadora laboral de Down Ourense, Esther Rodríguez, tamén amosou a súa satisfacción co programa de prácticas no campus. “Foi moi positivo para el grazas ao equipo humano de apoio da conserxería, que foron os verdadeiros preparadores profesionais” dixo.
Dende a asociación, reciben ofertas de emprego para os seus rapaces, que analizan coidadosamente para buscar ao candidato ideal. Unha vez escollido, adaptan as tarefas a realizar, baixo que responsabilidade estarían, e establecen un protocolo de desenvolvemento moi concreto, xa que as persoas don Síndrome de Down necesitan pautas marcadas para traballar. “No caso concreto de Jacobo, xa tiña experiencia noutras empresas en tarefas administrativas, polo que o paso pola conserxería representaba unha continuidade na súa vida laboral” explicou a preparadora. O seu traballo consistía en abrir e pechar aulas entre horas, entrega e recollida de material, atención ao público, e clasificación de materiais, entre outras cousas.
Aínda que esta é a primeira vez que un rapaz con necesidades específicas realiza un traballo no campus, semella que non será a última. “A idea é que haxa unha continuidade na colaboración coa Vicerreitoría dentro do convenio que temos, pero como agora vén o verán, será, probablemente, o vindeiro curso” engadiu Esther Rodríguez. Ademais, grazas ao positivo da experiencia, Jacobo continúa traballando na Universidade de Vigo, esta vez no pavillón de deportes.