Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, na inauguración da 2ª edición de “Curtas.gz”:

“O mundo da curta é especial e interesante pola súa capacidade de narrar a través da imaxe, algo que non teñen as longametraxes”

A proxección “Coruña Imposible” da man de Roberto Luna e Claudio Canedo abriu a sesión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 05/05/2008

Coa mesma ilusión que o ano pasado pero cunha mellorada programación comezou a segunda edición de Gurtas.gz, as Xornadas da Curtametraxe Galega, que pretenden afondar no coñecemento do audiovisual galego e crear un punto de encontro entre profesionais. Acompañado polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández e polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, o responsable da iniciativa, Alberte Mera, subliñou que Curtas.gz quere ademais “dar un pulo á necesidade dun cinema propio na nosa comunidade e reivindicar o uso da nosa lingua, xa que en galego pódense contar moitas historias”, subliñou o representante dos CAF (Comités Abertos de Facultade).
Pola súa banda Jesús Hernández, destacou que “o mundo da curta é especial e interesante pola súa capacidade de narrar a través da imaxe, algo que non teñen as longametraxes”, ao que engadiu que “desde a Vicerreitoría sempre apoiaremos este tipo de iniciativas que penso son imprescindibles nunha universidade”, comentou Jesús Hernández na presentación das xornadas.
Esta actividade, organizada polos CAF, conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus, da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que acollerá o ciclo ata este martes e onde, ademais de ver clásicos da curtametraxe, se contará coa presenza de recoñecidos actores, directores e produtores do sector audiovisual galego.

Convidados de primeiro nivel afondarán nos anos 90 e na actualidade

Coruña Imposible, A Repesca, Grande de Cuba, Sitcom Show, O Matachín, Afonía e Toxic Percebe son as sete grandes obras que se proxectarán ao longo das dúas sesións desta segunda edición de Curtas.gz, que a primeira hora da mañá comezou pisando forte cunha clase maxistral da man do actor, Roberto Luna Sánchez e do xefe de son, Claudio Canedo.
Ademais, a través de todo o ciclo contarase coa participación da directora Sandra Sánchez, da produtora Amalia Mato, do director da Axencia Audiovisual Galega, Manolo González e dos actores Fran Grela e Tonhito de Poi, que serán algúns dos numerosos profesionais que se achegarán ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para compartir cos asistentes a súa experiencia e afondar nos anos 90 e na actualidade do sector audiovisual galego. Segundo comentou o responsable desta iniciativa, Alberte Mera, “pretendemos traer a convidados de primeiro nivel para amosar aos compañeiros e sobre todo a aqueles que queiran dedicarse a isto, que é posible e que con esforzo e poucos recursos pódense facer proxectos moi bos”, explicou na inauguración. Como mostra disto, ademais das charlas e das proxeccións, para pechar as xornadas os estudantes da titulación de Comunicación Audiovisual presentarán os traballos que realizaron ao longo do curso: Flores brancas e Habitación 311.